Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Protestas contra o presidente Saakachvili

A oposición de Xeorxia denuncia a detención de ducias de activistas

O Movemento Democrático Unido afirmou que perto de 60 persoas foron retidas cando ían cara a capital, Tbilissi, para participar nunha manifestación contra o goberno.

Redacción - 13:20 09/04/2009
Protestas contra o presidente de Xeorxia

Protestas contra o presidente de Xeorxia

"Viñan cara Tbilissi para participar nas manifestacións cando foron detidos", afirmou un voceiro do Movemento Democrático Unido (MDU), partido formado hai un par de meses por Nino Burjanadze,antiga voceira no Parlamento e ex aliada do actual presidente de Xeorxia, Mikhail Saakachvili. Ao parecer, a forza política de Burjanadze é importante, xa que se debulla como a principal rival do actual presidente nas vindeiras eleccións de 2013.

150 mil persoas na rúa contra o goberno de Saakachvili

Os activistas e simpatizantes do MDU que foron detidos habían tomar parte nas mobilizacións convocadas para esta quinta feira por todo o país, en protesta contra o goberno de Saakachvili. Porén, o Ministerio do Interior xeorxiano e máis as autoridades policiais negan as acusacións feitas polo MDU.

As manifestacións desta quinta feira -que a oposición agarda congreguen na rúa máis de 150 mil persoas-, serán unha importante proba para o presidente xeorxiano. A oposición acusa a Saakachvili de autoritarismo e arrogancia, ao se desviar das promesas de reformas democráticas que o conduciron ao poder, coa chamada Revolución Rosa, en 2003, e que afastou o país da órbita de Rusia e o foi achegando á OTAN e á Unión Europea.

Coa guerra dos cinco días -en agosto do ano pasado, cando Xeorxia tentou recuperar o control das rexións independentistas de Abkhazia e Osetia do Sur, atopándose de fronte coa oposición rusa-, a popularidade de Saakachvili sufriu unha baixada brutal. Dende entón o número de aliados perdidos foi medrando e engordando unha oposición que non conseguiu unha coherencia plena, así como o apoio electoral necesario para chegar ao poder. Nas rúas as protestas contra o presidente xa se notaron con forza en novembro de 2007, durante varios días. Porén, foron atalladas á forza pola policía, o que fixo que chegasen críticas dende occidente, incluíndo os EUA, cuxa anterior administración, a dirixida por Bush, describía a Saakachvili coma "un faro de democracia" na rexión do Cáucaso. Para esta quinta feira está preparado un importante dispositivo antidisturbios.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: