Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En Vigo

Convocan unha manifestación para reclamar a nacionalización da banca

A comarca que máis está a sufrir os efectos da crise, a nivel laboral (con máis de 80 ERES abertos) decidiu saír á rúa o sábado, contra a crise.

Redacción - 16:40 25/03/2009
A mobilización sairá o sábado ás 18h00 do centro de Vigo

A mobilización sairá o sábado ás 18h00 do centro de Vigo

O vindeiro sábado 29 de marzo, en Vigo, ás 18h00 do cruce entre a rúa Príncipe e Urzáiz sairá unha manifestación na que están chamados a participar os habitantes da cidade e todas os colectivos e organizacións progresistas que compoñen o seu tecido social, para reclamar unha saída desta situación de crise, que pase por ir "á raíz dos problemas e avanzar o máis rapidamente posible cara á construción dunha alternativa superadora do capitalismo". A manifestación tamén está convocada para facerlle fronte, nas rúas, aos mandatarios do G20 e as súas "saídas neoliberais á crise".

A mobilización, que será "o primeiro paso de tantos", está convocada pola Cooperativa de Consumo Consciente Árbore, a Fronte Popular Galega (FPG), Esquerda Unida (EU), o Partido Comunista de Galiza (PCG), o Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE) e a Xuventude Comunista Galega (XCG), e procura que se desenvolvan as medidas urxentes propostas pola Asemblea dos movementos sociais, este ano no Foro Social Mundial de Belém. Isto é, comezar a traballar pola nacionalización da banca; a redución do tempo de traballo, sen que mingüe o salario; crear medidas que garantan a soberanía alimentaria e enerxética; poñerlle fin ás guerras, retirando as tropas de ocupación e desmantelando as bases militares estranxeiras; recoñecer a soberanía e autonomía dos pobos, garantindo o dereito á autodeterminación; garantir tamén o dereito á terra, ao territorio, ao traballo, é educación e á saúde; e democratizando os medios de comunicación e de coñecemento.

A comarca de Vigo é unha das máis afectadas por unha crise que non deixa de dar paus
En Galiza, segundo lembran as organizacións e asociacións que convocan esta mobilización, hai máis de 200 mil persoas sen emprego; en 34.500 fogares ninguén dos seus membros activos está ocupado; e case 80 mil persoas non teñen xa protección social.

En Vigo a cousa está máis complicada, xa que planea sobre toda a bisbarra a sombra dos Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) -con máis de 80 abertos arestora-, e o paro ten unha incidencia moi superior á media galega. Os seus habitantes sofren unha "crise capitalista internacional" que afecta as súas vidas en varios planos: "alimentario, financeiro, económico, ambiental, enerxético e migratorio". As medidas que se propuxeron até o de agora, ben dende o goberno español, ben dende a UE, segundo sinalan estas organizacións, so procuraban "socializar as perdas para asegurar a supervivencia dun sistema baseado na privatización de sectores estratéxicos da economía, dos servizos públicos e dos recursos naturais e enerxéticos".


4,2/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: