Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
No Día Mundial da Poesía

"Veu un vento de marzo para queimarnos xoves"

A Asociación Cultural Fuco Buxán aproveita esta fin de semana para lembrar os versos do poeta ferrolán Ramiro Fonte.

Redacción - 11:15 21/03/2009

Sei que non foi amor e, sen embargo, abriches
Amarga flor carnívora de noites os meus labios,
Deixándome beberte na túa sede escura,
Facéndome afogar no teu mar dos enganos.

(...)

Caeron as camelias, no chan, apodrecidas,
Marcharon, invisibles, murchas flores no aire:
Veu un vento de marzo para queimarnos xoves
Coas causas inocentes, cos ollos lostregantes.

Pasou a vida longa, como pasan os ríos.
As princesas do mal extinguíronse todas:
A cidade borrounas do libro da lembranza,
O teu nome está escrito naquelas follas mortas.

(Extracto do poema 'Estrela Morta', de Ramiro Fonte, en Luz do mediodía - 1995)
 
O programa radiofónico da Asociación Cultural “Fuco Buxán”, O Recuncho, cumpre esta fin de semana unha ducia de emisións. Poden escoitalo en Ferrolterra os sábados entre 11 e 13 horas en Radio Filispim (93,9 da FM), e tamén en repeticións os domingos (20-22h) e os mércores (15-17h). Así e todo, os programas son subidos a internet integramente á bitácora d'O Recuncho, onde poden oílos cando lles preste.

Desta volta, e aproveitando o Día Mundial da Poesía que se celebra este sábado 21 de marzo, haberá un especial sobre o recentemente finado Ramiro Fonte, coa fin de falar da súa vida e se gozar da súa poesía. Ademais, outros contidos: conferencia do historiador Bermejo Barrera; entrevista con Teresa Gallo, presidenta da Asociación de Xordos de Ferrolterra; entrevistas no apartado musical con Batuko Tubanka e Sacha na Horta e conversa con Lupe Ces, integrante da Marcha Mundial das Mulleres e mestra de educación infantil.


Ligazóns

5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: