Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN NO MNAC: "SOROLLA. VISIÓ D'ESPANYA"

Tipos e tópicos para decorar a Hispanic Society of America

Na colección Las regiones de España, que reside en Nova York, Galicia está representada por La romería, 1915. Cal é a intencionalidade desta mostra? E a do seu título?

Lito Caramés - 17:30 09/03/2009

Sorolla. Visió d'Espanya. Col·lecció de la Hispanic Society of America reúne os paneis pintados por Joaquín Sorolla para decorar a biblioteca desta institución de Nova York. Organizada por Bancaja, que gastou unha millonada en pasear estas obras de Sorolla pola península, coa colaboración do Museu Nacional d'Art de Catalunya (MNAC), a mostra presenta por primeira vez, fóra da Hispanic Society of America, a totalidade dos 14 paneis que a comezos do século pasado confeccionou o pintor.

Sorolla foi un artista moi prolífico. Cóntanselle máis de 3.000 cadros e máis de 20.000 debuxos. A historiografía tenta clasificalo de impresionista pola querenza que sempre tivo na iluminación das escenas; e cando non, inclúeno no postimpresionismo (ese saco onde van parar fortes personalidades artísticas coas que non se sabe moi ben que facer: Gaugain, Van Gogh, Cezanne...). O que é absolutamente innegable é que a luz é a protagonista de toda a súa obra. A luz mediterránea, que sentiu e estudou na súa terra natal, València. Considérase tamén un retratista da burguesía, aínda que non faltan algunhas obras de contido crítico como ¡Aún dicen que el pescado es caro! (1894)

O encargo.

En 1911, o mecenas e hispanista Archer Milton Huntington (1870-1955) encargou a Joaquín Sorolla a decoración da biblioteca da Hispanic Society of America cunha serie de pinturas que ilustrasen a historia de España. Sorolla dixo que historia non (non se levaba naquel entón), pero que si xeografía. Anos despois, o resultado foi unha colección de catorce obras, Las regiones de España (de gran formato e de formato descomunal) pintadas ao óleo. Comezou a traballar na obra en 1911 e non rematou até 1919. Durante eses sete longos anos, Sorolla decidiu viaxar pola xeografía peninsular e así contactar directamente con xentes e paisaxes. Na serie que enche a biblioteca da Hispanic Society of America (agora chamada Sala Sorolla), Sorolla fai una interpretación persoal da realidade xeográfica que decide representar: Andalucía, Castela, València, Catalunya, Galicia, Extremadura etc. Ao rematar o encargo enfermou e aos tres anos morreu.

El procés creatiu. Debuxos e estudos.

O MNAC, para complementar os 14 paneis, para exemplificar o proceso de traballo do pintor Sorolla e mais para fuxir do proposta pechada que Bancaja pasea pola península, decidiu ampliar a exposición cunha chea de traballos preparatorios. Esta escolma é interesantísima e permite ver as intencións do artista, os deseños cos que traballaba Sorolla, as temáticas que, moitas veces de xeito reiterado, ían perfilando as obras finais. As pezas viñeron do Museo Sorolla de Madrid e mais da mesma Hispanic Society of America.

Visión de España.

Os catorce paneis son verdadeiros estudos etnográficos (máis adecuados hoxe para estar nun museo de antropoloxía). Las regiones de España está presidida pola inmensa peza Castilla. La fiesta del pan, 1913, que ten 14 metros de longo (o resto das pezas andan polos 3 m.). Tampouco están representadas todas, mentres que Andalucía e mais València suman 6 dos catorce paneis. O conxunto das catorce obras pódese ver nesta presentación de powerpoint. Todos os lenzos reflicten escenas da vida rural; en ningún caso hai cidades, industrias, temas ou elementos propios do século XX. Cando Sorolla tiña perfilada a obra que lle pedía Huntington, escribiu: “quiero dar una representación de España, no buscando filosofías sinó lo pintoresco de cada región”. Bancaja chegou a un acordo coa Hispanic Society of America para restaurar todos os paneis e poder pasealos por España durante dous anos, baixo o titular “Visión de España”. Xa estiveron en València, Sevilla, Málaga e Bilbao, agora en Barcelona e rematarán o periplo en Madrid, onde o Museo del Prado confeccionará unha antolóxica do pintor Valenciano. En todo o proceso a entidade de aforro gastou máis de tres millóns de euros. Moitos cartos. Cal é a intención de tan monumental gasto nesta “obra social” que logo regresa á cidade de Nova York? Por que ese título?

Os sete anos que Sorolla traballou no encargo de Huntington poden servir de proba do reto e das dificultades que lle representou a realización dos grandes lenzos. Nas diferentes caracterizacións que vai facendo das diversas xeografías o pintor mestura as tipoloxías cos estudos da luz e da cor, as súas temáticas preferidas. Aínda que a luz dunha das pezas dedicadas a València non é semellante á que ilumina o panel que dedicou a Galicia (poño por caso), está claro que a súa formación e condición mediterránea aflora en motivos e texturas. Onde máis claramente a técnica está ao servizo da luz e das cores é en Ayamonte. La pesca del atún, 1919: os pescadores (arrastrando os grandes túnidos) e a auga son incendiados por un sol que se reflicte en branco puro e violento.

Galicia. La romería, 1915.

Galicia está representada por Galicia. La romería, 1915 (3,55 m x 3,02 m). Para realizar este panel Sorolla estableceuse coa familia en Vilagarcía de Arousa durante os meses de verán do ano 1915, no pazo de Vista Alegre (hoxe é o colexio relixioso Sagrada Familia). Non se conserva correspondencia relativa á súa estada nas terras arousás, e tamén hai poucos estudos preparatorios de La romería (algúns dos que seica fixera o pintor están en paradoiro descoñecido). Consérvanse, iso si, no Museo Sorolla fotos nas que o pintor traballa na romaría “in situ”, nos xardíns do pazo de Vista Alegre.

Nunha entrevista ao xornal Galicia Nueva, Sorolla declarou que no panel que elaboraría para a sociedade neoiorquina haberá “hombres, mujeres, bestias, de todo; trajes típicos y actuales; enseres del trabajo, la genuina representación de la vida gallega”. O tipismo, por tanto, enche a ampla tela. La romería (máis ten de feira ca de tal festa campestre) ben se pode resumir en vacas marelas, mozas e no medio da escena un “Tío Marcos” tocando a gaita. Todo á sombra duns castiñeiros que seica había no pazo de Vista Alegre, pero que enfermaron do “mal da tinta”, e desapareceron. O ceo (alí onde se pode ver entre as follas) semella estar anubrado, no entanto o mar da ría loce unha cor azul ultramarina que non corresponde ao estado do ceo (nin de certo cunha mariña arousá). Parece ser que Sorolla non se moveu de Vilagarcía nos dous meses que estivo en Galicia (xullo e agosto de 1915). Pensaba ir a Santiago, pero non se ten constancia algunha de tal feito. Corrobora o sedentarismo arousán que as persoas que aparecen no panel son xentes do mesmo pazo, e o gaiteiro era coñecido en Vilagarcía como “O Xubieiro”. Tampouco viaxou até A Coruña, onde residía o pintor Francisco Llorens, un ex-alumno e amigo seu.

Esta mostra, que da man de Bancaja percorre cidades de toda España, non vai a Galicia. Os argumentos dados pola entidade crediticia para non expoñela en terras galegas son que Bancaja busca centros públicos onde exhibila, que garanten a gratuidade da visita e que teñan salas amplas para permitir a boa instalación dos catorce paneis. En Galicia -segundo Bancaja- non hai ningún centro nin entidade que xunte estes dous requisitos. Será certo?


EXPOSICIÓN: Sorolla. Visió d'España. Col.lecció de la Hispanic Society of America

MNAC (Montjuïc)

Horario:de martes a sábados, de 10 a 19 horas, domingos, de 10 a 14,30 horas

Até o 3 de maio.

Entrada de balde.


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Galicia. La romería", 1915, Hispanic Society of America, Nova York
"Galicia. La romería", 1915, Hispanic Society of America, Nova York
"Ayamonte. La pesca del atún", 1919 (detalle), Hispanic Society of America, Nova York
"Ayamonte. La pesca del atún", 1919 (detalle), Hispanic Society of America, Nova York
"Castilla. La fiesta del pan", 1913 (detalle), Hispanic Society of America, Nova York
"Castilla. La fiesta del pan", 1913 (detalle), Hispanic Society of America, Nova York
"Músicos gallegos", 1915, Museo Sorolla, Madrid
"Músicos gallegos", 1915, Museo Sorolla, Madrid
"Palmeral de Elche", 1918, Museo Sorolla, Madrid
"Palmeral de Elche", 1918, Museo Sorolla, Madrid