Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FESTIVAL ALT, ATÉ O 15 DE MARZO

As artes escénicas alternativas están en Vigo

Este venres ten lugar a primeira representación, que se repetirá todos os días na Casa das Artes, o Marco, o Café Uf, a ESAD ou o Verbum.

Redacción - 17:15 27/02/2009

"O final é o lugar de onde partimos". O Festival Alt retoma a T.S. Elliot para propoñer quince días de representacións escénicas alternativas. A arte debe facer avanzar a arte. Entre o venres 27 de febreiro e o 15 de marzo un total de 22 compañías procedentes de toda a Península (incluíndo, por exemplo, sete galegas e cinco portuguesas), mais a achega de formacións británicas e francesas, porán en escena as súas últimas producións en media ducia de espazos de toda a cidade, dende o Marco e a Casa das Artes, até o Café Uf, pasando pola ESAD, o Verbum ou o Teatro da Cidade Universitaria. As entradas para todos os espectáculos teñen un prezo único de cinco euros.

Na súa oitava edición, o Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo amplía os seus espazos de exhibición, procurando chegar a todos os recunchos da cidade. Outra das novidades é o especial 'week-end' apoiado polo AGADIC e que se desenvolverá a última fin de semana do ALT, coa presenza de distintos directores e programadores nacionais e internacionais que virán a Vigo e para os que se preparou unha programación na que primará a presenza de compañías galegas de nova creación, tanto de teatro coma de danza.

O ALT é membro fundador de PLATAFORMA, unha mesa de traballo para a promoción da creación escénica contemporánea multidisciplinar non convencional, formada por 10 festivais do Estado. Como resultado das mesas de traballo con PLATAFORMA creouse 'Menaje a', unha viaxe de creación que nace no BAD de Bilbao e vai transitando por outros festivais cunha duración dun ano.

Para comezar, Etiquette
O festival ábrese este venres coa estrea de Etiquette, da compañía británica Rotozaza, no Café Uf, e que se representará todos os días entre as sete da tarde e as dez e media da noite até o 4 de marzo. Trátase dunha experiencia de media hora para dúas persoas nun espazo público. Non hai ningúen observando, as demais persoas na cafetaría permanecen totalmente á marxe. Levan postos auriculares que ditan o que teñen que se dicir, ou que obxectos dos dispostos sobre a mesa deben utilizar. Etiquette é teatro en estado puro, vivo, revelador, filosófico e incribelmente único. Os participantes son ao tempo actores e público e a obra fai real a fantasía de poder falar sen ter que pensar que dicir.

Podes consultar aquí a programación completa do ALT.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: