Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
CONSTRUCIÓN DE VEHÍCULOS

A automoción: primeiro dique galego da marexada económica global

Miles de despidos nos últimos meses presentan este sector, de gran importancia para a economía do país, como un dos máis danados polos primeiros bandazos da crise económica.

Pablo García Martínez - 13:45 27/02/2009

A mobilización na que participaron este mércores 300 delegados sindicais da CIG responde á continua perda de empregos que está a zumbar no sector da automoción nos últimos meses, avivado pola diminución das ventas que está producindo a crise. O motivo é principalmente a perda de carga de traballo motivada pola dirección da propia empresa aténdose a intereses propios nos que está quedando claro que non inclúe consideracións sociais que puideran derivarse do arraigamento que o sector ten en varias zonas do país.

Esta diminución do volume de traballo afecta directamente aos empregados da gran fábrica de vehículos que opera no país, a Citroën, pero doe aínda máis nos sectores auxiliares. Os empregados das empresas auxiliares nin sequera tiveron a posibilidade de acollerse ás medidas de socorro que se implantaron até o momento, como é o caso da bolsa de horas.

Francisco Miranda Vigo, coordinador da federación de químicas do sector da automoción e traballador dunha empresa que fabrica interiores de coches, propón levar "a este sector estratéxico as axudas económicas que se deron até agora á banca privada". Miranda Vigo di que o seguinte goberno debería implantar unha especie de Plan Marshall, que abranga todo o tecido produtivo da fabricación de automóbiles e contribúa a "potenciar o valor engadido das fábricas, porque está demostrado que somos tan competitivos como as fábricas de fóra". Cando procuramos a raíz do problema, Miranda Vigo fala dunha "falta de capacidade política e económica" que fai moi difícil artellar o sistema económico do país, en gran medida porque os centros de decisión están en España ou Europa.

O que propón o PPdeG
No seu programa electoral, o Partido Popular cualifica o sector da automoción como "un dos sectores de máis éxito" de Galiza. En base a isto propón dar máis peso á produción de compoñentes electrónicos e informáticos, e conseguir que Galiza teña un Centro de Homologación do automóbil. Tamén inclúen no seu programa unha serie de medidas para incentivar a demanda de coches como serían: a suspensión durante dous anos do imposto de circulación; presentación dun novo plan Prever para os vehículos con máis de 10 anos; ou a creación dunha liña dende o Instituto de Crédito Oficial para que as empresas podan renovar os seus parques de vehículos industriais.

O que propón o PSdeG
A proposta do PSdeG para mellorar no sector da automoción céntrase en tres puntos que son: reforzar a cooperación sectorial como un elemento de competitividade; investir na formación de técnicos destinados a impulsar o centro de excelencia en electrónica para vehículos intelixentes; e, por último, apoiar a investigación para crear vehículos menos contaminantes e apoiar tamén o desenvolvemento do vehículo electrónico.

O que propón o BNG
Malia que no seu programa non fan unha mención específica a este sector económico si que falaron das medidas que pretenden, como sería por exemplo loitar contra a perda masiva de postos de traballo que pasaría en primeiro lugar por un compromiso de Citröen en concordancia coa inxección de fondos públicos no sector que está levando a cabo a administración galega. De cara á inversión por parte da administración, os nacionalistas propoñen a creación de plans plurianuais de investimentos nos que veñan recollidas as inversións previstas para os vindeiros anos. Tamén solicitaron ao goberno estatal que leve acabo un novo plan de axudas directas á compra de vehículos, na liña dos plans Renove ou Prever.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: