Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MENTRES SE DESPLOMA EN ESPAÑA

O mercado inmobiliario galego resiste mellor a crise: a compravenda caeu un 8%

Un estudo do Ministerio de Industria anticipa que o mercado tardará tres anos en absorber os pisos que continúan sen vender.

Redacción - 12:00 16/02/2009

Galiza segue a amosar un comportamento diferente ao do conxunto do Estado en relación á compra e a venda de vivenda. Ou, cando menos, o seu ritmo de caída é menor ao rexistrado noutras comunidades autónomas. Así o reflicten os datos publicados este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que deparan unha caída da compravenda de vivendas galegas dun 8% con respecto ao ano anterior, é dicir, rexistráronse en 2008 un total de 26.729 operacións menos que en 2007. A diferencia cos datos do Estado Español son notábeis: o sector inmobiliario rexistrou en España un descenso de transmisións inmobiliarias do 28,6%, isto é, contabilizáronse 558.429 operacións menos.

A caída foi maior no caso dos inmóbeis usados, onde houbo 10.441 operacións, un descenso que, a nivel estatal acada o 39,3%. No caso da vivenda nova, houbo máis transaccións, un total de 16.288 operacións (no Estado Español a caída chegou até o 14,1%).

2012: unha data para o axuste inmobiliario
Tres anos tardará o mercado en absorber o millón e pico de pisos construídos nos últimos anos e que aínda están sen vender. Este é o vaticinio dun estudo que recolle a revista Información Comercial Española (ICE), que edita o Ministerio de Industria. Segundo esta publicación, "no peor dos escenarios posíbeis, o axuste do sector non sería posíbel até o segundo trimestre de 2012".

O autor do informe, o profesor Daniel Fuertes, asegura que hai un mínimo de 896 mil vivendas (segundo o Colexio de Rexistradores) e un máximo de 1,30 millóns (datos da Enquisa de Condicións de Vida) sen vender no Estado Español. A operación é a seguinte: se se divide esa cifra entre o número de compravendas que publica o ministerio resólvese que fan falta 2,8 anos para eliminar ese stock, un dato que chegaría até os catro anos e medio a contar dende finais de 2007 no que sería o peor dos escenarios. É máis, o profesor augura que esta sobreoferta de pisos afectará loxicamente aos prezos, que deberían ter unha presión adicional á baixa.


Ligazóns

3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: