Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FEIRA EN LALÍN

Cando arrefrían os días, é tempo de cocido

Esta fin de semana a capital do Deza acolle a cuadraxésimo primeira edición da Feira do Cocido, unha cita cun manxar que segue a sumar incondicionais.

Isabel G. Couso (texto e vídeo) - 10:15 14/02/2009

Xa o di Xosé Antonio González, máis coñecido en Lalín como Currás: "o que serve un mal cocido en Lalín non ten perdón, porque o produto é de primeira calidade". Boa proba poden tomar esta fin de semana na XLI Feira do Cocido, unha cita que xa é un clásico da nosa gastronomía, se ben o propio hostaleiro propietario do Restaurante Currás recoñece que, se cadra, non é o mellor día para gozar paseniñamente e con tempo do manxar porcino. Cun negocio que estes días atende a uns 50 comensais diarios e que xa ten encargas até ben entrado abril, explícanos as claves para a elaboración deste suculento manxar (ver o vídeo). Os produtos da casa (cría 10 porcos que mata ao estilo tradicional), a incorporación de novidades a suxestión dos clientes (este ano sumaron verdura ao menú) e a cociña de leña son os segredos deste cociñeiro, aos que hai que engadir "un pouco de cariño", xa que asegura que este é un dos requisitos fundamentais para acadar un prato acorde coa calidade da materia prima.

Malia o risco de provocar polémicas territoriais, Currás defende o cocido lalinense fronte a outros con sona no país, como o de Lugo: "alí toman a carne sen afumar, branca..., non ten comparación". Tamén se arrepón contra "o cocido de cidade", que só conta con "carne de vaca, un anaco de lacón de chacinería branco, un anaco de cachucha sen afumar... e, claro, os comensais alucinan cando chegan a Lalín". Opinións, xa se sabe, hainas para todos os gustos, mais a oportunidade de achegarse á receita do cocido de Lalín volve outra vez da man do inverno e da súa feira gastronómica, a cuadraxésimo primeira edición dunha festa que ten moito de oferta culinaria, pero na que tamén hai espazo para a festa máis alá de contentar ao estómago. Xa o di Currás, "pode haber a quen non lle agrade o marisco, pero non hai quen lle diga que non a un bo cocido, porque se non che gusta o rabo, gustarache a lingua, ou o lacón, ou a cacheira, ou a galiña...". E para aqueles que non queiran sumarse ás aglomeracións propias destas citas gastronómicas, aínda queda tempo porque como insiste este lalinense "xa se sabe que a chegada do frío é sinónimo de cocido".


Ligazóns

4,43/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: