Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ÁNXELA BUGALLO, CONSELLEIRA DE CULTURA

"Asentamos unha política cultural que vai dar resultados a medio prazo"

A conselleira considera que os principais ataques contra o seu departamento se deberon a que por primeira vez se visibilizou sen complexos a cultura e o deporte do país.

M.P./R.V. (texto)/ Isabel G. Couso(vídeo) - 18:30 11/02/2009

A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, repasou con Vieiros os perto de catro anos á fronte do departamento. Bugallo considera que, por primeira vez, se fuxiu de políticas puntuais e pensadas para o curto prazo e que se sentaron os alicerces para unha visibilización real da cultura galega.

En que momento descobre a súa vocación política? Como foron os seus inicios?
Eu empecei a traballar en política no instituto, en Erga, nun momento de grande efervescencia. Xa a miña familia tiña militancia política no nacionalismo. Despois, cando se crea o BNG tiven a fortuna de estar xa no frontón, na Coruña.

Remata a lexislatura. Que cre que foi o máis positivo da súa xestión?
O que máis podemos destacar é a posta en marcha dun novo modelo de política cultural. Primeiro, un cambio na metodoloxía, é dicir, moito diálogo cos sectores implicados; tamén un cambio nos contidos, non traballamos sobre elementos ou actos puntuais, senón que decidimos centrarnos moito na planificación: o plan de artes escénicas, a lei do libro, traballamos en patrimonio a través de plans...; e por último, cambiamos as ferramentas ao servizo da nosa cultura, por exemplo creamos a Agadic, reformamos a propia estrutura da consellaría... Toda esta actividade fai que en parte se difumine a acción da consellaría, pero cremos que é fundamental para conseguir unha auténtica democratización da cultura.

E o máis negativo? Que proxectos non saíron como esperaba?
Gustaríache ir máis rápido do que se vai. Ás veces os procesos duran moito tempo, dende a propia aprobación dunha lei até a publicación dunha convocatoria. E ás veces os proxectos tamén foron longos porque queríamos que as convocatorias estivesen consensuadas cos distintos sectores implicados.

Arrepíntese dalgunha decisión adoptada pola consellaría?
Non creo que sexan cuestións dese estilo, senón máis ben de cousas que pensas que se poden facer máis rápido do que se fan. E ese é o principal problema que atopas.

Dálle mágoa que moitos dos proxectos, por exemplo as redes que se crearon ou os plans sectoriais, non amosen aínda os seus froitos, que haxa que agardar ao medio prazo para valoralos?
Non o vexo con mágoa. Ti pódeste dedicar a grandes eventos, colocas o teu logo, e quedas encantada. Pero nos optamos por outra vía. O máis importante par nós non era facer un traballo a curto prazo, senón asentar unha política cultural que dea a medio prazo os resultados que ten que dar. E dende ese punto de vista estamos moi satisfeitos. Foron xa moitos anos de políticas puntuais e facía falla un traballo serio e en profundidade. Non había nada.

Hai uns días liamos na prensa as críticas dun editor sobre a política levada a cabo nesta lexislatura en relación co libro. Destacaba os avances na proxección exterior, pero advertía un estancamento interno, falaba mesmo dunha "lexislatura perdida para o libro". Que opina?
El aí falaba de máis medidas, moitas que non dependen estritamente de nós, como a gratuidade dos libros de texto. Pero a Lei do Libro promúlgase nesta lexislatura, o plan de fomento da lectura realízase en colaboración con eles e a facturación das industrias mellorou. E o outro día vimos os últimos datos dos índices de lectura, e esa mesma persoa dicía que o futuro era esperanzador. Quédanos un longo camiño, porque partiamos de abaixo de todo, e o esforzo económico que fixemos foi moi importante.

En canto á proxección exterior, quedou polo camiño un dos proxectos do bipartito, como era a creación do Instituto Rosalía...
Ese é un tema que creo que agora se vai poder enfrontar mellor. Partiamos da nada, non existía proxección exterior. A proxección exterior era pagarlles logos aos artistas estranxeiros para que levasen nas súas galas. E creo que era importante facer ese traballo previo nas distintas feiras internacionais, un traballo que outras nacións levaban anos facendo.

Para a proxección internacional é máis importante a presenza nos grandes eventos, ou o traballo continuo a través de estruturas fixas, como un instituto deste tipo, ou por exemplo os lectorados de galego?
Eu creo que todo. O importante é que todo ese traballo teña o mesmo obxectivo e funcione de maneira coordinada. Os lectorados fan un labor magnífico, e sería moi importante contar cunha institución fixa, como o instituto, para asegurar esa programación e esa visibilidade continua. Pero esa parte non quita a outra.

En que medida a Cidade da Cultura condiciona a política cultural da Xunta de Galicia? É un valor ou un lastre para a cultura galega?
Nós traballamos para que fose un valor para a cultura galega. Había unha realidade, unha realidade construída, e o primeiro que fixemos foi poñer en marcha os mecanismos de participación, que nos levaron a unha conclusións que determinan a finalidade dos dous edificios que aínda non estaban construídos: o Espazo Obradoiro, e o Centro de Arte Internacional. E despois están o Arquivo e a Biblioteca Nacional, que son dous elementos que unha cultura normalizada precisa.

Pero o investimento que necesita a Cidade da Cultura non se podería investir noutros ámbitos? Non é un lastre nese sentido?
Nunca deixamos de traballar en ningunha outra liña na consellaría polo mor da Cidade da Cultura. Intentamos que o investimento que tiñamos que facer na Cidade da Cultura se aproveitase noutros aspectos, había que convertelo nunha oportunidade. Por exemplo, o Centro de Investigación do Patrimonio, vai axudar á protección do Patrimonio. E logo hai que asumilo sempre cun exercicio de responsabilidade. Neste país somos un pobo acostumado a ser responsábeis co que temos.

Como viviu a presión que certos medios de comunicación exerceron contra a xestión da consellaría ao fío, sobre todo, do proxecto da Cidade da Cultura?
Con responsabilidade. Vivino con certa sorpresa, porque non é un proxecto noso, é un proxecto que temos que asumir, e buscando formas para facelo viábel economicamente. A obriga dun responsábel institucional é afrontar os problemas que ten, aínda que unha non os crease. Sería moito máis fácil tomar outra decisión sobre o Gaiás, pero sería moito máis irresponsábel, porque ao cabo eses datos xa saíran da política cultural deste país. Había que buscar unha fórmula para que revertesen na cultura galega.

O bipartito non foi un pouco inxenuo pechando o libro de 16 anos de goberno do PP. Dá a sensación de que non se quixo mirar polo retrovisor. Non é un erro político?
Non sei se é un erro político, pero si que é certo que non miramos polo retrovisor. Creo que quen fai iso dá una imaxe que só provoca un desprestixio da clase política. E iso non é bo para a sociedade. Decidimos que había que mirar adiante, non perder o tempo mirando atrás, hai cousas que levan anos pendentes de facer e temos que facelas. Lembro algunhas intervencións do PP a propósito da Cidade da Cultura e a verdade é que se che abren as carnes, pensas "non te atrevas, non estás lexitimado para dicir nin unha soa palabra sobre este tema". Non creo que houbese inxenuidade, senón a responsabilidade de chegar ao goberno despois de 16 anos, por fin, perdérase demasiado tempo e había moito traballo por diante.

A entrada de capital privado na Cidade da Cultura é algo positivo ou é algo inevitábel?
É algo necesario. Non estamos inventando nada novo, isto é algo habitual en infraestruturas deste tamaño, e é importante que exista unha implicación social e que iso permita tamén unha viabilidade económica para o proxecto cultural. Hai xente que di que iso é un saco sen fondo e que nunca vai dar nada, agora din que as empresas van quedar con todo. Poñámonos de acordo. Non é unha cuestión de beneficios, pois é unha fundación sen ánimo de lucro que vai investir todo na propia Cidade da Cultura. Pero si que había que garantir a viabilidade económica.

En calquera caso o asunto xerou un longo debate dentro do BNG e no Goberno...
Este é o modelo que decide o goberno e punto. E o modelo é que na Cidade da Cultura se implique toda a sociedade. E o mesmo no deporte, e en xeral na cultura galega.

Os ataques contra Cultura chegaron en parte por ser unha consellaría moi simbólica, que constrúe a imaxe dun país, e por estar en mans dun partido nacionalista?
É evidente. Eu creo que os nosos principais problemas co PP veu precisamente por iso. Xa dixo Manolo Rivas que 'o problema non é Cuba, o problema para algúns é a cultura galega'. O problema non era a proxección internacional, o problema era que a cultura galega tivera proxección internacional. O problema era que alguén estaba demostrando que Galiza tiña unha cultura de seu, con calidade para se amosar ao mundo. Aí está o noso principal problema co PP: non temos nada que ver, e en todos estes anos non conseguimos escoitar nin unha soa alternativa cultural, porque non teñen alternativa para a cultura galega.

Anxo Quintana, na súa primeira reacción á manifestación de Galicia Bilingüe, declarou que respectaba aos manifestantes e criticou a violencia que existiu o domingo. Que pensa vostede?
Como ben sabedes, é a mesma. O portavoz nacional fala por boca de toda a organización. Polo tanto, comparto esa declaración.

Cal vai ser o labor de Cultura na protección do patrimonio cultural que se pode ver afectado pola instalación de novos parques eólicos?
A consellaría leva a cabo o seu labor na protección do patrimonio en calquera cuestión, a que sexa, atendendo sempre aos parámetros que ten que atender. O traballo é moi claro: hai unhas normas que hai que cumprir, sen diferenzas sexa o que sexa o que teñamos que tratar.

Existe machismo no Goberno?
Aínda é distinto estar nun goberno sendo muller. Estaremos nun país normal cando non sexa distinto. De feito, se non fose distinto ti non me estarías facendo esa pregunta. Lembro nas pasadas eleccións, que me enfadei moito cun xornalista, porque me preguntou que me parecía a min e ás miñas compañeiras o feito de estar na candidatura só por cota.

Na súa xestión destacou o esforzo na recuperación da memoria histórica. Como valora este traballo?
Levabamos setenta anos de débeda. Todo o traballo que fixemos fixémolo en colaboración con asociacións, familiares..., foi un traballo colectivo. E iso faite sentir moi orgullosa. É unha mostra de como a sociedade normalizou que houbese un traballo de recuperación da memoria. Vías en cada momento que estabas facendo un acto de xustiza, nin máis nin menos.

En canto ao audiovisual, considera que foi un erro a segmentación das competencias entre BNG e PSdeG-PSOE? Isto prexudicou ao sector?
Nós sempre fomos partidarios desa coordinación, e de feito o que facemos a través da Axencia Galega de Industrias Culturas é unir nun único organismo todas as competencias que teñen que ver coas industrias culturais. E sería importante que produción e distribución dependesen dunha única dirección, e normalmente faise a través dos departamentos de Cultura. Nós falamos co sector e eles dixéronnos que era máis importante que nos centrásemos na produción, pero así e todo traballamos moito tamén en distribución, a través da Axencia do Audiovisual.

Unha solución para a distribución sería a posta en marcha dunha rede pública de salas de proxección?
A través de Cinemas Dixitais o que se fixo foi aproveitar a capacidade pública, facendo un traballo de distribución dunha producións moi específicas, que non se podían considerar competencia para os distribuidores comerciais. E eu creo que hai que continuar ese camiño, si.

Falando en xeral de todo o Goberno, que erros e que acertos ve nestes catro anos, e cales deben ser os retos para a lexislatura que vén?
Os próximos catro anos teñen a vantaxe de que nesta lexislatura xa puxeches as bases. Debería ser moito máis doado. Dende o punto de vista do BNG, creo que demostramos que sabemos gobernar e que coñecemos este país.

Cre que se o PP volve gobernar poderá dar marcha atrás ás políticas e ás accións concretas que se encetaron en Cultura nesta lexislatura? Falo por exemplo dos Premios Nacionais ou dos partidos das seleccións deportivas... Están totalmente consolidadas?
Eu creo que están consolidadas, na medida en que o sector tamén o asume como algo deles. As seleccións eran algo que reclamaba a xente do deporte. Non pode haber marcha atrás, porque os propios sectores reclamaríano.

E en cultura cales debes ser os eixos principais da xestión?
Hai que completar o marco normativo, coas leis de museos e de bibliotecas, que xa están os borradores feitos. Tamén é importante o desenvolvemento de todos os planos sectoriais e poñer en marcha, este 2009, o Plan Galego das Industrias Musicais. Hai que desenvolver o traballo da Agadic. E no deporte hai que afondar no traballo do deporte de base, onde xa se traballou moito, pero hai que conseguir que se visibilice. É importante poñer en marcha tamén o instituto para a proxección da cultura galega no exterior.


4,55/5 (40 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: