Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
I Certame de Cinema OUFF Escola

Curtas en galego: Do colexio ao Festival de Cine de Ourense

Os traballos, de alumnado de infantil, primaria e secundaria, editaranse en DVD, distribuiranse nos centros de ensino e publicaranse na web Flocos.tv.

Redacción - 18:15 10/02/2009

O Festival Internacional de Cine de Ourense contará este ano cun novo certame que promocionará a lingua galega entre o alumnado. O I Certame de Cinema OUFF Escola, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Concello de Ourense e a Axencia Audiovisual Galega, aspira a promover o idioma nas novas tecnoloxías audiovisuais e incorporar os traballos do estudantado á 14ª edición do festival.

O certame convócase en dúas categorías: unha para centros de educación infantil e primaria e outra para o resto do ensino non universitario. Presentaranse curtametraxes que estarán coordinadas por un membro do profesorado. Os traballos gañadores proxectaranse na vindeira edición do Festival Internacional de Cine de Ourense, editaranse en DVD, distribuiranse nos centros de ensino e publicaranse na web Flocos.tv.

Estabeleceranse tres premios para cada categoría, de 600, 400 e 300 euros, respectivamente, ademais dun Premio Blanco Amor ao mellor guión, dotado con 300 euros. A secretaria xeral de Política Lingüística salientou que o certame conxuga as novas tecnoloxías e a creatividade "co pulo a mozos e mozas que sexan quen de formarse cun pensamento crítico, e co impulso ao uso natural da lingua galega nas súas creacións".

Dobraxe e lingua
Outra das iniciativas presentadas por Política Lingüística foi a fase Dobraxe e lingua, que forma parte do programa Audiovisual nas Aulas, promovido polo Consorcio Audiovisual, e que se desenvolveu no IES Número 1 do Carballiño. A fase consiste en prácticas de dobraxe en centros de ensino conducidas por profesionais da dobraxe que lle descubrirán ao alumnado de 3º e 4º cursos da ESO os segredos da profesión.

O estudantado poderá facer prácticas nunha cabina de dobraxe que se desprazará aos centros, situados nos concellos de Cambados, O Carballiño, Ordes, Gondomar, O Saviñao e O Barco. En total, participarán 300 alumnas e alumnos. No programa colaboran Política Lingüística, a Consellaría de Educación, o Consorcio Audiovisual e a Asociación de Profesionais da Rama Artística de Dobraxe de Galicia (Apradoga).


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A rapazada asistiu á proxección de 'Donkey Xote', na pasada edición do OUFF
A rapazada asistiu á proxección de 'Donkey Xote', na pasada edición do OUFF