Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Balance de lexislatura

CIG-Ensino denuncia a "falta dun sistema educativo propiamente galego"

O sindicato analizou a política de Educación nestes tres anos e medio e censurouna pola súa "falta de compromiso coa normalización lingüística".

Redacción - 19:25 02/02/2009

O secretario nacional do sindicato CIG-Ensino, Anxo Louzao, denunciou este luns que os últimos tres anos e medio de lexislatura estiveron "marcados pola falta dun sistema educativo propiamente galego" e pola consolidación "da política privatizadora do anterior executivo", do PPdeG, que se demostra nos 257 millóns destinados a ensino privado (11% do presuposto de Educación).

Louzao realizou balance da política educativa da consellería que dirixe Laura Sánchez Piñón e informou das propostas do sindicato para a próxima lexislatura, entre as que salientou "a consecución dunha Lei de Educación galega; dunha Lei do Sistema Universitario e dun Estatuto do Profesorado".

Criticou, tamén, a "falta de compromiso coa normalización lingüística" por non facer cumprir o decreto polo que se estabelece "un 50% de clases impartidas en galego" e que "non se realizan", e que "tampouco fixaron o 45% dos currículos de Bacharelato e ESO para marcar o que debería ser un ensino propiamente galego".

Por outro lado, recordou o "incumprimento" de medidas como o plan de redución do fracaso escolar, o Estatuto Galego do Profesorado, o investimento do seis por cento do PIB en educación, a redución de alumnos por aula de educación infantil a 15 ou a dotación dun ordenador cada dous estudantes.

Louzao criticou "actuacións que tiveron máis que ver con propaganda que con cambios reais", entre estas a "xestión en comedores escolares", sobre o que afirmou que "aínda que medrou o número de usuarios, continúa a deficiencia e segue dependendo doutros estamentos e non da propia consellaría".

Ademais, criticou que "o transporte segue a condicionar os horarios"; a "desconexión total" en accións contra o fracaso escolar"; a "desigualdade entre centros" en actividades extraescolares; a "incapacidade para garantir unha estabilidade no profesorado interino"; así como a "carencia" de persoal abondo para "facer fronte á diversidade e necesidades do alumnado".

Avances e propostas
No entanto, o secretario nacional de CIG-Ensino valorou "certos avances", como o acordo no incremento de cadros de persoal en infantil e primaria; a redución de 25 a 21 en horario lectivo; o acordo retributivo "que necesita actualizarse"; a consecución de pagas extraordinarias completas no ámbito universitario, "aínda que non dotaron de recursos para asegurar o 100% do cobro"; ou a "gratuidade dos libros de texto".

Finalmente, entre as propostas prioritarias para a próxima lexislatura, a CIG-Ensino adiantou a necesidade dunha Lei da Educación de Galiza e do Sistema Universitario Galego, que recolla "todas as necesidades en educación e todas as demandas dende a perspectiva laboral".

Tamén, demandou o "cumprimento absoluto" do decreto de normalización do galego no ensino; unha "aposta decidida" pola educación pública"; a dotación do seis por cento do PIB; a elaboración do plan contra o fracaso escolar; o reforzo de equipos de profesorado; e un "Estatuto do Profesorado galego".


4.58/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: