Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
DÍA MUNDIAL

Galiza, á cola nas políticas de conservación dos humidais

Estes ecosistemas, dunha importante riqueza natural e cultural, sofren as consecuencias de agresións como os recheos, as piscifactorías ou os parques eólicos.

Redacción - 12:25 02/02/2009

Este luns celébrase o Día Mundial dos Humidais, unha data que conmemora a sinatura da Convención Internacional sobre Humidais en Ramsar (Irán). Galiza conta con máis de 1.100 ecosistemas deste tipo converténdose no territorio da península con maior diversidade de lagoas, brañas ou bosques húmidos. Con todo, as organizacións ecoloxistas do país denuncian a vulnerabilidade desatas zonas que, malia contar cunha importante riqueza natural e cultural, vense afectadas de xeito periódico por agresións de diferente índole. No territorio galego, só cinco destes espazos gozan de protección legal e, aínda que no pasado ano se aprobou o Inventario de Humidais Protexidos, queda moito por facer na súa conservación.

O colectivo ecoloxista Adega fai fincapé neste día nas consecuencias dunha insustentábel política de xestión e pon o acento nos recheos, piscifactorías ou campos de golf situados nos litorais e que prexudican estes entornos. Asemade, falan de "actuacións desafortunadas" nas cabeceiras dos ríos, como son os parques eólicos, os polígonos industriais, os encoros ou as infraestruturas de comunicación, que priman os intereses económicos aos ambientais.

Na mesma liña se manifesta Verdegaia que pon como exemplo de ecosistemas que sofren estas agresións as zonas húmidas das Cabazas (Ferrol), das Ribeiras do Louro (Val da Louriña), da comarca ourensá da Limia, ou da Xunqueira do Lagares (Vigo), entre outras. Aseguran que estes espazos "están a ser agredidos impunemente malia as denuncias e solicitudes presentadas".

Doutra banda, ámbalas dúas organizacións reclaman maiores esforzos da administración para a conservación e o uso sustentábel dos nosos humidais. Así, Adega recorda que nos últimos catro anos a Xunta non foi quen de aprobar unha nova planificación hidrolóxica e que a participación pública na xestión das bacías galegas está moi retrasada con respecto ao Estado. Do mesmo xeito, Verdegaia lamenta que nun día coma este, desgraciadamente, en Galiza non hai moito que celebrar.


Ligazóns

4.9/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Xunqueira do Lagares (Vigo) sofre verquidos contaminantes que se repiten de xeito frecuente
A Xunqueira do Lagares (Vigo) sofre verquidos contaminantes que se repiten de xeito frecuente
As agresións máis frecuentes son as derivadas dos recheos, piscifactorías ou encoros, entre outras
As agresións máis frecuentes son as derivadas dos recheos, piscifactorías ou encoros, entre outras