Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polo peche dos medios ou por ERE

Perto de 1.500 xornalistas perderon o seu traballo nos últimos meses no Estado Español

As empresas escúdanse na crise e na falta de publicidade para regular o seu persoal. A regulación de emprego tamén afecta a profesionais galegos.

Antía Rodríguez - 13:35 31/01/2009

Nos últimos meses do ano e no que vai de 2009 arredor de 1.500 xornalistas perderon os seus postos de traballo. O último xornal en pechar foi o gratuíto Metro, que deixou na rúa a todo o seu cadro, incluídos os empregados de Vigo e A Coruña.

Esta quinta feira sóubose que o grupo sueco Metro Internacional botaba o peche a todas as súas sedes no Estado Español -incluídas as situadas na Coruña e en Vigo-, deixando na rúa ao cento por cento do seu cadro de traballadores. Este xornal foi o segundo gratuíto que comezou a se distribuír no Estado en 2001, e agora é o primeiro destas características que fecha, escudándose "na crise económica" e na "caída da publicidade".

Tras este peche, e o de ADN -do Grupo Planeta, que tamén deixou na rúa aos seus empregados e empregadas da Coruña e Vigo, pechando, semanas despois, tamén a edición dixital-, só quedan tres xornais gratuítos en Galiza: o 20 minutos, o Qué e De Luns a Venres, este último, o único que está en galego.

Os dous xornais xustificaron o seu peche coa "complicada conxuntura económica" que fai que "descendan os ingresos no mercado publicitario", mais os sindicatos non están de acordo. De feito, segundo lle contou a Vieiros Xurxo Salgado, o secretario xeral do Sindicato de Xornalistas de Galiza, "están a facer unha limpeza laboral. Pode ser que haxa unha recesión do mercado publicitario, pero esta non fundamenta o que está a acontecer", sinalou Salgado, ao tempo que revelaba que o Sindicato de Xornalistas fixo un estudo do que se desprenden datos que avalan as súas afirmacións. "Só unha cuarta parte dos xornalistas consultados di que hai problemas coa publicidade, o resto, unha inmensa maioría, non o nota, porén, si pensa que a falta de anuncios é unha escusa para botar á xente á rúa", aclarou o sindicalista.

"O máis importante neste momento é organizarse"
Segundo Salgado, o que aconteceu con Metro foi "un caso flagrante" xa que houbera un ERE anterior sobre unhas 33 persoas -que afectou os traballadores en Galiza-, mais esta segunda regulación de emprego non foi comunicada aos traballadores, que souberon do peche do xornal pola prensa. "Isto é algo que tamén está pasando en El País e que vai pasar en El Mundo e noutros medios: están segregando todos os elementos da redacción, e privatizando os sectores, de tal xeito que entran empresas distintas a cubrir algunhas funcións, o que fai que a empresa base poida controlar mellor os seus traballadores. Estes, ao estar separados, perden o poder sindical e o poder de reclamación, porque, ademais, os convenios pasan a ser distintos para cada unha das seccións; é dicir, non ten mesmo convenio o redactor que o que traballa nos talleres", acrecentou Xurxo Salgado.

Para o secretario xeral do Sindicato de Xornalistas de Galiza, as empresas "están a se adaptar ás novas necesidades do seu mercado, mais non ao mercado laboral". Neste sentido, Salgado quixo facer un chamamento "a todos os compañeiros, para que se organicen e denuncien as irregularidades que descubran no seu medio. Se hai regulacións de emprego, e non existe comunicación oficial, os traballadores deben ir igual ao centro de traballo e poñerse en contacto coa autoridade competente -coas delegacións provinciais da Consellaría de Traballo-. Non hai que marchar até que o centro peche, e no caso de que non se coñeza, é preciso chamar inmediatamente á Inspección de Traballo para que se acheguen e comproben o que acontece", concluíu.

Os xornalistas tamén fican sen traballo
No último trimestre de 2008, e no que vai de 2009, pecharon distintos medios de comunicación en todo o Estado: El Mundo de Almería, Localia TV, Segundamano, Teleindiscreta ou La Gaceta de Canarias; en total uns 300 traballadores e traballadoras.

É de salientar que a metade de todos os xornalistas que pasaron a engrosar as listas do paro no Estado traballaban para medios que pertencían ao Grupo Zeta, que lles presentou aos sindicatos, a finais do ano pasado, un plan para terminar a súa relación contractual con 533 dos seus traballadores, unha cifra que supón o 25% do seu cadro. Como eles, uns 60 profesionais deixaron La gaceta de los Negocios, uns 60 marcharon de El País, perto de 30 de La Vanguardia, unha vintena de Libertad Digital TV.

E aínda está por ver se os diarios gratuíto non aportan a súa miguiña a estas cifras, xa que, segundo contou Xurxo Salgado, xa houbo varias reconversións e pode que se estea pensando en máis. O Sindicato de Xornalistas vai presentar, a mediados deste mes, un seu estudo sobre a situación laboral dos traballadores e traballadoras dos medios do comunicación no noso país, que achegará novas cifras e unha análise da situación que se vive en Galiza.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: