O BOE publicou este martes os detalles do convenio asinado polos departamentos de Ánxela Bugallo de César A. Molina.
Unha das novidades que presentaba a Lei do Cine, aprobada en 2007, era a previsión da existencia dun fondo económico para as producións audiovisuais en galego, catalán e euskera. Este fondo ten un orzamento total de dous millóns e medio de euros, dos que algo máis de 600 mil irán destinados ás producións en galego, segundo se soubo este martes. Así figura no convenio subscrito entre a Consellaría de Cultura e o Ministerio de Cultura.
O pasado 9 de decembro, o ministro de Cultura, César A. Molina, anunciou "subvencións importantes" para os filmes en galego. Falábase de que a cifra total a repartir entre Galiza, Euskadi e Cataluña podería roldar os 11 millóns de euros, aínda que finalmente ficará nos dous e medio.
A cantidade distribúese entre cada comunidade con lingua propia distinta do castelán en función do que elas mesmas investiron na promoción e produción dos filmes no seu idioma. Os 652.500 euros que corresponden a Galiza irán destinados a subvencionar as actividades realizadas pola Consellaría de Cultura para o fomento da produción, a distribución e a promoción da industria cinematográfica e audiovisual en lingua galega.