Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
No Porriño

Os traballadores de Frigolouro saen á rúa contra a precarización da súa empresa

Dous delegados sindicais da UXT foron detidos pola garda civil por bloquear a entrada de varios camións á fábrica. Denuncian a desaparición dos postos fixos.

A. Rodríguez - 18:54 19/01/2009
Sede da empresa Frigolouro, no Porriño

Sede da empresa Frigolouro, no Porriño

Uns 200 traballadores dos perto de 600 que ten a empresa do Porriño, Frigolouro -do Grupo Coren- organizaron esta madrugada, por volta das 04:00 horas, un piquete informativo ás portas do predio da compañía, no primeiro día de folga destinado a reclamar estabilidade no emprego e a exixir o cumprimento dos pactos asinados entre a dirección da empresa e os representantes sindicais.

Ao mediodía, cando entraban os primeiros camións no cambio de quenda, produciuse un enfrontamento entre os traballadores mobilizados no piquete e os que entraban á factoría, tras o que foron detidos dous delegados sindicais da UXT por parte da garda civil, que os acusou dun delito de resistencia e desobediencia á autoridade. Polo seu lado, os representantes de UXT e CCOO no Comité de Empresa de Frigolouro acusaron aos axentes de ter actuado desproporcionadamente contra os traballadores en folga. Os dous delegados sindicais están arestora libres. Porén, o paro vai continuar durante a madrugada e todo a xornada desta terza feira.

"Están a manter unha actitude ditatorial negándose a cumprir o acordado cos traballadores"
Para coñecer un bocado máis o conflito que están a vivir os traballadores de Frigolouro, Vieiros púxose en contacto con Ignacio Couñago, membro da Federación Agroalimentaria da UXT, quen sinalou que a "política sistemática" que leva esta empresa "e todo o Grupo Coren" é a de incumprir os acordos asinados co Comité de Empresa. Cómpre sinalar que na actualidade, dos 16 membros do Comité de Empresa, só seis pertencen á UXT e outros dous a CCOO, os dous sindicatos que convocaron este paro. O resto, segundo Couñago, "fan parte dun sindicato 'de clase', formado na empresa, o SITF -Sindicato Independente de Traballadores de Frigolouro-, e un outro representante é do UNOS, que sempre se une ao SITF nos seus acordos".

O sindicalista denunciou que os pactos aos que se chegou coa empresa "non se están levando a cabo, xa que Frigolouro deita todo o que estaba asinado, e está terminando cos postos fixos". Couñago tamén sinalou que "cada vez hai máis traballadores autónomos e menos traballadores cun contrato indefinido; nun ano pasamos de 30 a 80 autónomos", referiu Couñago, explicando, ao tempo, que a política de contratación de Frigolouro "baséase en converter os empregados eventuais en autónomos, cando se terminan os seus contratos, de tal xeito que se ven obrigados a asociarse a outras cooperativas, alleas á empresa", denunciou. "É unha política ditatorial, e a dirección desta empresa ten, cada vez, unha actitude máis chulesca; a nós -por UXT e CCOO- non nos recibe, e na xuntanza que mantivemos co delegado provincial de Traballo, que debía mediar para que non chegásemos á folga e se cumprisen os pactos, os xerentes non permitiron que se chegase a ningún acordo", describiu Ignacio Couñago.

Couñago criticou, tamén, que se teña desviado parte da produción: "A sección de embutidos foi para Lugo, e é probábel que tamén vaia a de xamóns... A este paso, no Porriño só vai quedar a sección de porcino".

"Con traballadores autónomos non tes que pagar baixas, nin vacacións"
Vieiros tamén se puxo en contacto cun ex traballador de Frigolouro, Aurelio López Ramón, que explicou cal era a súa situación na empresa, antes de marchar.

"Cando vas pedir traballo, xa nin sequera entras directamente en Frigolouro, senón que, aínda que é esta empresa a que fai selección de persoal, estás obrigado a rexistrarte como autónomo para entrar nunha cooperativa sinalada por eles, a que eles deciden. Eu traballaba para unha cooperativa de Barcelona, pero nunca á sede desa empresa fun a facer ningunha entrevista ou a asinar ningún contrato. Tes que entrar na empresa que eles queren". Deste xeito, continuou, "para cubrir os mesmos postos, hai traballadores empregados directamente por Frigolouro, e outros destas cooperativas, que cobran menos e traballan as mesmas horas, nos mesmos postos de traballo e nas mesmas condicións. É unha trampa que lles resulta, porque deste xeito, con máis autónomos, non teñen que pagar vacacións, nin baixas", relatou. "Ademais, así", continuou, "empregan moitos traballadores estranxeiros, obrigándoos a facerse autónomos e prometéndolles chegar a un posto fixo algún día, moitos deles rumanos ou húngaros, que terminan sendo explotados", concluíu.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: