Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓNS EN La Pedrera, Caixaforum, Fundació Miró, Museu Picasso...

Ofertas artísticas de inverno, entre a crise e as revisións historiográficas

As salas de museos e mais de fundacións énchense de mostras artísticas ao longo da cidade de Barcelona. Aquí faise unha breve recensión dalgunhas delas.

Lito Caramés - 21:30 18/01/2009
Tags: arte

A crise económica xa se vén constatando no mundo da arte desde hai meses: as poxas das grandes firmas non alcanzan os prezos que previamente se estimaran, as vendas baixan, as galerías apostan por valores seguros e cidades como Berlín (verdadeira nova capital artística europea) que concentra milleiros de creadores, comezan a falar de mendigos da arte, aqueles artistas que non teñen un euro.

Ao tempo, o zapatazo a Bush pode chegar a ser unha nova icona da estética da crise; icona da crise de valores, da falacia, da violencia estatal. O zapatazo non deixa de ser unha dramática performance no espazo urbano da morte diaria, da masacre instaurada nos miolos de milleiros de persoas sobreviventes á violencia. Os outros, os incontables mortos (e que seguramente nunca serán contabilizados con exactitude) xa non poden nin tirarlle un zapato a un dos asasinos das Azores.

E no medio de tantas novidades, todo indica que a historiografía occidental da arte pretende fuxir do eurocentrismo endémico e tenta buscar explicacións máis planetarias, nas que estéticas como a maia ou a tuareg teñan os seus espazos e presenzas. Aínda que tarde, boa é a nova.

Polo de agora na cidade de Barcelona hai bastantes mostras artísticas, diversas, individuais e colectivas, actuais e de hai cincocentos anos. Iso si, todas de interese.

Ródchenko, gusto polo teatro

La Pedrera ofrece no piso que foi dos señores Milà, 250 obras do artista ruso Ródchenko, baixo o título de La Construcció del Futur. Obras que chegan de museos rusos e mais de coleccións privadas. Tanta obra permite observar a evolución pictórica, desde o fauvismo, pasando por estadios de cubismo até ao realismo social.

Ródchenko apuntouse ás expectativas da nova sociedade e da nova arte que prometía a Revolución Rusa. Amigo de escritores como Maiakovski, participou en moitos proxectos artísticos, nos que o teatro case sempre estaba presente, xa nas escenografías, xa na conceptualización de carteis revolucionarios, ou mesmo na fotografía. A destacar a obra titulada: Tríptico Monocromo (1921). Parece que lles gusta aos rusos isto do monocromía. Houbo na Pedrera outra exposición, aquela de Malevich, na que se podía admirar o Cuadrángulo Negro (1915) (tamén coñecido como Cadrado negro sobre fondo branco), e que significou o nacemento do Suprematismo.

E agora La Pedrera vén de inaugurar outra visión de Mercé Rodoreda, a súa paixón polas artes plásticas: L'altra Rodoreda. Pintures i collages.

La Modernitat Americana, arte dos EEUU.

Pola súa parte La Fundació Miró aposta por presentarnos unha escolma das creacións que se sucederon en USA entre finais do século XIX e mais finais do XX, e que proveñen da Corcoran Gallery, de Washington. E faino con ese título (La Modernitat Americana) tan pouco preciso, ou é que América só é un estado dentro dun continente? É unha mostra irregular, na que faltan movementos artísticos e tamén nomes moi coñecidos (Pollock, por exemplo). A Corcoran Gallery creouse para coleccionar e potenciar a arte que se facía nos EEUU fronte á que se xeraba en Europa.

Entre quen foron seguindo as orientacións da arte que se daban en Europa (ou acabaron por crear vieiros persoais) e están representados nas salas da Fundació Miró cabe destacar a John Sargent, Joseph Cornell, Edward Hopper, Mark Rothko, Willem de Kooning, Cy Twombly ou Robert Mangold. É preciso citar tamén o feito (por ser pouco habitual aínda) de que sexan varias as mulleres que aparecen na mostra: Mary Cassatt e Cecilia Beaux, entre outras.

No medio da exposición hai unha ampla mostra da fotografía que se foi facendo ao longo do século XX.

A pintura matérica de Assumpció Mateu

A Fundació Vila Casas vén de presentar unha nova exhibición da moi interesante artista Assumpció Mateu. Assumpció logo de rematar Bellas Artes veuse moi influenciada por Tàpies, pola obra de Antoni Tàpies aló polos anos sesenta. E desde entón ela segue polos vieiros das técnicas mixtas, e de traballar coas mans, como outro xeito de sentir materias, texturas e mesmo a organicidade dos elementos que vai enganchando sobre as teas.

A exposición leva por título Presons Íntimes, e nela as obras establecen un diálogo entre a serie homónima a mostra, que creou entre os anos 1974 e 1975, e o traballo actual que se centra nos “Boscos Cremats”.

Pinturas de Uffizi, en Caixaforum

En Caixaforum segue a proposta de contemplar a basta obra do modernista Alfons Mucha (da que xa se falou nestas páxinas dixitais) e, entre outras novas ofertas, pódese visitar unha colección de pinturas chegada directamente da Galeria dei Uffizi de Florencia (El pa dels àngels. Col·leccions de la Galeria dels Uffizi. De Botticelli a Luca Giordano). Boa parte das obras son do Quattrocento, século no que a arte e a cultura tiveron na cidade florentina un berce irrepetible. Un bo xeito de preparar unha viaxe á capital da Toscana, ou de rememorar o que xa se fixo.

Objectes vius, de Picasso
Pola súa parte, o Museu Picasso segue investigando e teorizando sobre a obra de Pablo, esta vez cunha argumentación sobre as tan coñecidas naturas mortas, tan abundantes na produción de Picasso. Objectes vius. Figura i natura morta en Picasso arranca da hipótese de que, paralelamente ao cubismo (que el creou), Picasso experimenta coas naturas mortas, chegando a representar os obxectos con tal viveza e vitalidade que mesmo semellan seres vivos. E, pola contra, noutros casos son as persoas as que se ven transmutadas en obxectos inanimados. Interesante a proposta e interesantes as obras que se exhiben.

Hai máis exposicións interesantes en Barcelona. Para comprobalo só chega con ver o portal da asociación de galerías de arte. Boas festas, boas visitas.


EXPOSICIÓNS en La Pedrera, Fundació Miró, Fundació Vila Casas, Caixaforum, Museu Picasso, Fundació Godia, etc.


[Picasso. Botella d’Anís del Mono, vas de vi i naip (1915) The Detroit Institute of Fine Arts, Llegat de Robert H. Tannahill Photograph © 1990 The Detroit Institute of Art © Successió Pablo Picasso, VEGAP, Madrid 2008]


3,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Modern", Hopper
"Modern", Hopper
"Botella d'Anís del Mono, vas de vi i naip". Picasso (1915)
"Botella d'Anís del Mono, vas de vi i naip". Picasso (1915)
"Escala d’incendis". Ródchenko (1925)
"Escala d’incendis". Ródchenko (1925)
Projecte de quiosc «Biziaks». Ródchenko (1919)
Projecte de quiosc «Biziaks». Ródchenko (1919)