Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XOSÉ CENDÓN, DE VOLTA EN GALIZA

"Non me interesa o conflito, interésame o sufrimento das persoas"

O fotógrafo compostelán detalla os días do seu cativerio en Somalia e reivindica a importancia do xornalismo como medio de achegarse á realidade.

Isabel G. Couso - 18:15 13/01/2009

Abafado polos flashes dos fotógrafos e polos focos das cámaras. Incómodo por converterse desta volta en protagonista en troques de ser un máis entre os xornalistas. Así deu Xosé Cendón a súa primeira rolda de prensa, unha cita á que se sumaron decenas de medios, que foi interrompida en diversas ocasións para que conectasen en directo diferentes cadeas de televisión. A fama non interesa a Cendón, quen comeza o seu relato agradecendo o interese de tantos nos días do seu cativerio e recoñecendo coitado non ter nunca imaxinado verse na necesidade de contratar a un representante.

As preguntas son as agardadas: ¿como discorreron os 40 días de secuestro? ¿quen se fixo cargo do rescate? ¿cales foron os momentos máis difíciles? ¿Como foi o reencontro coa familia? Cendón resta importancia á súa experiencia: "tocoume a min como lle podía tocar a outro", di, "é un pouco triste que me faga famoso porque fun secuestrado, non creo que sexa ningún mérito". Polo demais, explica sosegadamente cal foi a súa "estratexia necesaria" na relación cos seus secuestradores: "tocoume o papel de poli malo mentres Colin Freeman (o xornalista británico capturado canda súa) exercía o de poli bo, mais eramos conscientes de que canto máis amigo te fagas deles, pois mellor". A maioría deses 40 días, di ante a insistencia dos xornalistas, "eran aburridos". Noutros "pasaron moitas cousas: camiñabamos durante moitas horas; outros xogabamos ao xadrez, ás cartas, xogos de palabras...". Até chegaron a dar leccións de inglés aos seus verdugos, porén "logo empezaron as ameazas de morte e dixemos... será mellor parar as clases, porque estamos tentando ser simpáticos e non pode ser...", sorrí mentres chancea Cendón. Con todo, non oculta que tamén houbo tempo para a tensión, para o medo... "iso xa o podedes imaxinar", di.

Retos para o futuro
Finalmente, Xosé Cendón está de volta en Galiza, non obstante, máis tarde do que agardaba. Mesmo chegou a apostar con Freeman sobre o momento da súa liberación, un xogo que perdeu ao aventurar que non pasarían máis de tres semanas naquelas covas. As preguntas continúan: ¿que lle pides agora a Galiza? Interroga unha xornalista. E Cendón contesta divertido: "marisco e albariño". "Simplemente vou estar aquí unha temporada, agora débome á miña familia e aos meus amigos, tomar unhas cañas por aí... Quizais me tome unhas vacacións para reflexionar un pouco sobre todo isto, pero normalmente eu non fago plans así que xa veremos como van as cousas".

Con respecto ao futuro, xa fala de regresar a África, á súa casa de Adis Abeba (Etiopía), convencido de que "isto se esquecerá pronto" e todos os medios o deixarán tranquilo. Con este continente, di, ten unha relación de "amor-odio", o primeiro porque é un entorno que lle apaixona, e o segundo, porque non ve os cambios agardados. Con todo, nos seus plans está o viaxar cara América Latina para comezos do vindeiro ano, porque "me interesa a situación latinoamericana; interésame a nova esquerda que nace alí, tan criticada, interésame ver como é en realidade".

Coa reputación de aventureiro xa gañada, Cendón ten, non obstante, que aclarar: "non é que me gusten os conflitos; para min o xornalismo é contar as cousas importantes e para min non hai nada máis importante que o sufrimento das persoas, por iso escollín traballar e vivir nestes lugares". E iso, di, "é o que vou seguir facendo".


Ligazóns

5/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: