Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
EDITORIAL

Só a bondade permanece

Podiamos estar tristes porque Agustín Bueno nos acaba de dicir adeus, xusto na noite de Reis, e tras unha valente e longa pelexa contra un cúmulo de doenzas. Pero na propia personalidade de Agustín había tantísimo amor á vida que resulta imposible, mesmo na hora do seu pasamento, non contaxiarse da súa serea e firme esperanza.

Redacción - 19:56 09/01/2009

Agustín, irimego de sempre, era un crente de nova estirpe, crente nun Deus sorprendente e vivo e, xa que logo, capaz de dar e vivir con perfecta naturalidade a boa nova da fraternidade radical, de que os tempos son chegados para os últimos, para as vítimas da historia, para os veciños marxinados, para os que aturan o peso de imperios e de caciques, para as mulleres relegadas e para os que padecen calquera clase de violencia.
Agustín era, efectivamente, un crente de fronteira, deses aos que unha Igrexa en retirada neoconservadora non sabe onde colocar, deses fronte aos que tampouco se sabe situar unha certa progresía enrocada nunha visión fosilizada do feito relixioso.
Pero sobre todo era un apaixonado da xustiza compasiva, un home bo. Comentábao unha veciña: “xa mo di a miña filla, que foi coherente co seu apelido: boa persoa, bo veciño, e bo despois de morrer, que doa o seu corpo á facultade de medicina”. Por iso malamente puido haber enterro, pero si un acompañar a Carmela Capeáns, a súa dona e compañeira de vida e militancias, e aos seus tres fillos, nunha eucaristía de agradecemento con amigos e amigas, unha ocasión máis, creada por Agustín, de celebrarmos xuntos o mundo novo que esperamos.
Só uns días antes de morrer falaba con esta redacción para indicarnos como lle estaban prestando as últimas Irimias. Non sobran precisamente os ánimos, así que llo agradecemos de corazón e con nostalxia. O mesmo corazón que el poñía en todas as cousas e a nostalxia que inevitablemente nos invade ao intuír que con persoas coma el marcha unha estirpe sen síntomas de ser relevada nos tempos que corren. Pero esa dúbida é o que, precisamente, Agustín nos faría quitar deste editorial, argumentando coa súa voz quebrada que a única nostalxia posible é a nostalxia do futuro. Agustín descansa en paz. Quen senón el?


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: