Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
GARZÓN DELEGA NAS AUDIENCIAS PROVINCIAIS

Onde están os nenos que o franquismo roubou?

A ARMH reclama a "urxencia" das investigacións, despois de que esta semana morreran dúas mulleres que levaban anos buscando os seus fillos.

Redacción - 12:16 11/01/2009

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica dirixiuse esta semana á Audiencia Nacional para pedir que se inicien "con urxencia" os trámites (declaracións xudiciais e probas de ADN) necesarios para esclarecer algúns dos casos de nenos perdidos do franquismo. Para demostrar esta urxencia a asociación lembra no seu escrito a Emilia Girón e Marina Álvarez. A primeira, que morreu o pasado ano aos 96 anos, buscaba ao seu fillo. Álvarez, tamén falecida en en 2008, intentaba localizar á súa irmá máis nova. O escrito tamén considera clave a testemuña de Trinidad Gallego, de 95 anos, que exerceu de matrona en varios cárceres nos anos 50, polo que pode dar fe de como estes nenos eran separados das súas nais e perdían a súa identidade.

A Asamblea Parlamentaria do Consello de Europa na súa declaración de condena da ditadura franquista de 17 de marzo de 2006 sinalaba que "os nenos perdidos son tamén parte das vítimas do franquismo: trátase de fillos de presos cuxos apelidos foron modificados para permitir a súa adopción por familias aditas ao réxime. Varios milleiros de fillos de obreiros foron tamén enviados a institucións do Estado, porque o réxime consideraba a súa familia republicana como 'non axeitada' para a súa formación". "Nenos refuxiados", sinalaba tamén a resolución, "foron tamén secuestrados en Francia polo servizo exterior de repatriación do réxime e situados posteriormente en institucións franquistas do Estado".

As cifras de nenos e nenas, fillos de presas, tutelados polo Estado era en 1944 de 12.042, segundo os propios datos franquistas, cifra que na década 1944-1954, pasou a ser de 30.960 rapaces.

Esta semana o xuíz Baltasar Garzón remitiulles aos xulgados decanos de Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Burgos, Málaga e Zaragoza, os datos relativos aos nenos roubados durante a Guerra Civil e os primeiros anos do franquismo para que investiguen o seu paradoiro. O maxistrado, en cumprimento da resolución da Audiencia que declarou que non era competente para investigar os crimes do franquismo, inhibiuse en favor de 27 xulgados territoriais para que tramiten o caso. O obxecto da investigación iniciada por Garzón é a existencia dun plano sistemático e preconcibido de eliminación de opoñentes políticos através de múltiples mortes, torturas, exilio e desaparicións forzadas de persoas a partir de 1936.

O franquismo, un réxime racista que practicou un xenocidio
Nun artigo publicado recentemente por Vicenç Navarro en El País, e que se pode ler integramente en Rebelión, o profesor escribe que ""En contra do que se dixo e escribiuto, o réxime militar liderado polo xeneral Franco era racista. Os militares golpistas considerábanse parte dunha raza hispánica superior, superioridade que lle outorgaba o dereito de conquista e sometemento sobre outras razas inferiores, entre as que incluían a raza dos republicanos roxos. O ideólogo de tal doutrina era o militar psiquiatra Vallejo Nájera, que dirixía os Servizos Psiquiátricos do Exército". Navarro afirma que Vallejo Nájera "estabeleceu un campo de experimentación en Málaga", onde fixo "tipo de experimentos, asesorado por axentes da Gestapo".

A tal "inferioridade de raza" podía correxirse, di Navarro , na infancia: "de aí que ás nais roxas se lles quitasen os infantes para evitar a súa contaminación e dexeneración. A Acción Social da Falange e a Igrexa xogaron un papel moi importante nesta depuración da raza 'salvando' aos infantes de tal patoloxía que podía transmitirse de nais a fillos. Tales roubos eran frecuentemente feitos para o beneficio de parellas afíns ao réxime que desexaban ter nenos. Milleiros de nenos foron substraídos das súas nais".


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: