Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ATÉ O 31 DE XANEIRO EN COMPOSTELA

O CDG repón 'Noite de Reis' e regala 50 entradas

O Centro Dramático Galego inicia os actos de conmemoración do seu 25º aniversario coa obra de Quico Cadaval.

Redacción - 13:40 07/01/2009

Coincidindo co inicio do ano no que o Centro Dramático Galego conmemora o XXV aniversario da súa creación, a compañía pública decidiu a exitosa comedia Noite de Reis. Ou o que queirades, de Quico Cadaval. O CDG regala 50 entradas para asistir á primeira función da obra, que terá lugar o xoves día 8 ás 20.30 horas no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Para conseguir estas entradas (máximo 2 localidades por persoa até completar as 50), simplemente hai que chamar ao teléfono das oficinas do CDG (981 58 11 11) entre o mércores 7 e o xoves 8 en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Noite de Reis foi a grande aposta do CDG no ano 2008, colleitando éxitos de público nas funcións que ofreceu por toda Galiza. Así mesmo, foi a gran triunfadora na noite dos María Casares, na que obtivo cinco premios (entre eles o de mellor espectáculo e mellor dirección). A montaxe, que conta no seu elenco con Rebeca Montero, María Bouzas, Xosé Manuel Olveira Pico e Marcos Orsi, combina un divertido xogo de enredos, contratempos, malentendidos, enganos e desenganos con apaixonantes historias de amor e desamor.

A obra, que permanecerá en Compostela até o 31 de xaneiro, terá funcións esta semana o xoves, venres e sábado (ás oito e media da tarde) e o domingo (ás seis). O prezo dos billetes é de 10 € para o xoves, venres e o sábado, cun desconto do 40% para estudantes, usuarios de carné xoven e maiores de 65 anos, e de 5 € para o domingo, día do espectador.

O CDG prepara xa 'As Dunas', de Cadaval e Lourenzo
Entre as novidades do CDG para este ano destaca a recuperación do local de ensaio, posto que en 2009 haberá un espazo definido para o traballo teatral. A próxima estrea da compañía pública, As dunas, con texto de Manuel Lourenzo e dirección de Quico Cadaval, previsto para marzo, comezará a prepararse o día 12 na nova nave do CDG no polígono de Costa Vella, a cinco quilómetros do centro de Santiago. A nova nave integra dúas salas de ensaio que superan mesmo as prestacioóns do Salón Teatro. Nos novos espazos, que servirán igualmente para acoller pases privados con público, poderán ensaiar tamén as compañías privadas e os beneficiados polo programa Artistas en Residencia ao que se sumou este ano, por primeira vez, a compañía institucional.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: