Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONFIRMACIÓN OFICIAL

Xosé Cendón, liberado

O fotógrafo galego, que estivo secuestrado algo máis dun mes en Somalia, reunirase o luns coa súa irmá en Quenia.

Redacción / EP / Reuters - 17:30 04/01/2009

O fotógrafo galego Xosé Cendón, que fora secuestrado en Somalia o 26 de novembro, foi posto en liberdade e xa se reuniu co embaixador do Estado Español en Quenia, Nicolás Martín, segundo informaron fontes gobernamentais a Europa Press.

O encontro produciuse nun aeroporto do país africano, onde están á espera dun avión que os levará a Nairobi. O ministro de Asuntos Exteriores e Cooperación, Miguel Ángel Moratinos, xa falou con Cendón e asegurou que se atopa en "bo" estado de saúde. Tamén negou que o seu ministerio pagase un rescate polo fotógrafo e dixo que só levara a cabo "xestións políticas e diplomáticas".

A irmá de Cendón, Xulia, viaxa este domingo tamén a Nairobi, onde se atopará co fotógrafo liberado, do que dixo que está "perfectamente e de bo humor". A viaxe de Xulia Cendón será nun voo regular e chegará o luns ao seu destino. A volta podería ser "se el quixese" o mesmo día, aínda que o reporteiro amosou o seu desexo de ir antes a Etiopía, onde vive, para recoller as súas pertenzas, segundo lle dixo a Moratinos.

(11:00)
Cendón foi liberado este domingo xunto co seu compañeiro de cativerio, o británico Colin Freeman, segundo informaron as autoridades locais.

"Os dous xornalistas europeos foron liberados e atópanse agora nun hotel de Bossaso, en Puntlandia", indicou o gobernador rexional de Bari, Musse Gelle Yusuf.

A familia do fotógrafo móstrase "cauta" e "esperanzada" polas informacións. En declaracións a Europa Press, Manuel, o marido da irmá da vítima, Julia Cendón, indicou que o Ministerio de Exteriores aínda non lle confirmou a liberación pero dixo "ter fe".

"Teño toda a fe de que o día de Reis estea aquí, como sempre esperei, a ver que pasa entre hoxe e mañá", manifestou o cuñado de Cendón, Manuel.

Con todo, o goberno español non considerará oficialmente liberado a Cendón até que este non se atope co embaixador español, explicaron fontes gobernamentais.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: