Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
RODA DE PRENSA DE CASTELLS

Para a Generalitat a proposta de financiamento de Solbes é "insuficiente"

O 'conseller' de Economía admite que supón un avance, aínda que non asegura o acordo "porque no hai cifras nin parámetros esenciais".

Redacción - 14:06 30/12/2008

Ambigüidade calculada, tanto na proposta de Solbes, como na reacción de Castells e, en xeral, do PSC. O 31 de decembro finalizaba o prazo dado polos socialistas cataláns a Zapatero para que o goberno central fixese unha proposta de financiamento que cumprise o disposto no novo Estatuto de Autonomía. Solbes fixo pública este martes a súa oferta, unha proposta de bases sen cifras, e o conseller de Economia da Generalitat, Antoni Castells, dixo que a proposta é "insuficiente". Este luns a executiva do PSC xa moderou as súas advertencias a Zapatero (hai uns quince días ameazara con 'cambiar as súas relacións' co PSOE se non había acordo), certificando a "vontade política" do presidente español de "cumprir o Estatut".

"Con este documento non podemos dicir que haberá acordo porque non hai unha cifra nin parámetros esenciais," dixo Castells. "O que en xullo era unha proposta de bases, agora vai máis aló: créase un fondo, dise que servizos se deben nivelar, hai un compromiso de actualización, etc. Agora ben, con esta proposta non podo asegurar que resulte un modelo de financiamento coherente co estatuto", afirmou.

A preguntas dos xornalistas, declarou: "Agora traballamos a fondo para conseguir un bo acordo. Estamos no capítulo final e esforzámosnos para que acabe ben". Castells destacou que no documento "falta a peza esencial, a cláusula de nivelación, para que non haxa investimentos de renda". O conseller anunciou que este martes enviará o texto aos grupos da oposición.

O presidente de CiU, Artur Mas, lamentou rematar o 2008 sen acordo en financiamento. Mas salientou que non hai acordo, entre outras cousas porque "non hai cifras", como xa vaticinaron o luns algúns partidos cataláns. Pola súa banda, Joan Puigcercós, presidente de ERC, sinalou que este documento terá que analizarse con "prudencia", polo que pedirá ao presidente catalán, José Montilla, unha reunión de urxencia dos tres socios de goberno da Generalitat para "estudialo conxuntamente". Puigcercós manifestou a súa satisfacción por lograr que o Goberno central "presentara un documento que non quería presentar" e que, ao seu xuízo, é "un pequeno avance" respecto ao do pasado verán.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: