Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PRESENTARASE INTERNACIONALMENTE CO XACOBEO

A Cidade da Cultura xa ten data: 2010

Constituíuse a fundación mixta que xestionará a parte comercial do Gaiás, e que recibiu duras críticas da plataforma 'Cultura si, Mausoleo non'

Redacción - 18:10 29/12/2008

Emilio Pérez Touriño, Ánxela Bugallo e Juan Manuel Urgoiti, presidente do padroado da Fundación Gaiás, presentaron este luns os obxectivos deste organismo de titularidade mixta (51% privada) que xestionará as actividades comerciais da Cidade da Cultura. No acto estiveron presentes, así mesmo, representantes das quince entidades financieiras e grandes empresas galegas que achegaron case doce millóns de euros á sociedade.

O presidente da Xunta confirmou que a posta en servizo da Biblioteca Nacional de Galicia e do Arquivo Nacional de Galicia terá lugar ao longo do ano 2009 e que o verdadeiro lanzamento da Cidade da Cultura será en 2010. No ano Xacobeo presentarase no Estado e en todo o mundo o complexo. Nese momento o complexo presentará o Museo de Historia de Galicia, case finalizado, e mais o Centro de Investigación do, que conta xa co seu proxecto científico.

En cambio, haberá que agardar aínda para visitar o Escenario Obradoiro, previsto para o 2012, e o Centro de Arte Internacional, cuxo plan director será presentado nas vindeiras semanas. Os seus contidos aínda non están definidos, mais Juan Manuel Urgoiti apostou este luns na presentación por traer ao CAI grandes exposicións monográficas de dimensión internacional. Os contidos deste museo foron obxecto dun tirapuxa entre os sectores socialista e nacionalista do goberno, apostando o PSdeG-PSOE polas grandes exposicións que propón Urgoiti, e optando o BNG por empregar a instalación exclusivamente como plataforma de exhibición da produción artística galega.

O pasado 11 de decembro o Consello da Xunta aprobou unha transferencia de 12,5 millóns de euros dende a Fundación Cidade da Cultura até o novo organismo mixto. As quince entidades que participan no capital inicial da Fundación son Caixa Galicia, Caixanova, Unión Fenosa, Inditex, Inveravante, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Banco Gallego, Grupo R, Gadisa Grupo Tojeiro, Hijos de J. Rivera, Grupo Coren, Epifanio Campo, Monbús, Grupo Nosa Terra-21 e Hijos de J. Barreras.

Touriño: "Abandono da periferia"
O presidente da Xunta destacou que a implicación destas empresas é "unha manifestación do compromiso con Galicia e de confianza nos seus grandes proxectos de futuro. Un apoio público e sen ambigüidades que significa o compromiso con un proxecto de grande relevancia para o futuro de Galiza".

Touriño salientou que o complexo do Gaiás vai supoñer "unha nova posibilidade para a apertura de Galicia ao mundo e un motivo para que o mundo mire tamén cara Galicia". O presidente da Xunta engadiu que "a Cidade da Cultura é unha aposta pola inserción de Galicia na primeira fila da modernidade, polo abandono da periferia". Touriño concluíu que "a Cidade da Cultura deberá ser un factor de dinamización económica para o conxunto do país, un polo de vertebración territorial do corredor atlántico e un elemento de mobilización de grandes fluxos turísticos".

Bugallo: "O goberno cumpriu o seu compromiso"
Pola súa banda, Ánxela Bugallo defendeu a xestión realizada polo seu departamento nos últimos tres anos e medio, salientando que o actual goberno cumpriu un dobre compromiso: "o primeiro, que xa foi presentado no Parlamento, que era a elaboración dun novo proxecto cultural, e un segundo compromiso, que era dotar este complexo dun segundo modelo de xestión que asegurase a súa viabilidade económica". A conselleira de Cultura salientou que a Xunta bipartita marcou un teito orzamentario de 475'9 millóns de euros, "cifra que se mantén invariábel", e no plano construtivo fixo fincapé en que nos tres últimos se construíu case un 34% do complexo, cifra que se une ao 25% que xa fora construído nos sete anos anteriores.

Bugallo concluíu a súa intervención afirmando que "hoxe é un día importante para a cultura deste país" e que "a Cidade da Cultura está chamada a ser un referente na cultura internacional", concluímdo que o complexo "recolle o vello soño dos galeguistas de facer de Galiza unha célula de cultura universal".

Urgoiti: "Meter a Galiza no século XXI"
Juan Manuel Urgoiti, que realizou a presentación en castelán, destacou que a Cidade da Cultura "vai desbordar as súas fronteiras naturais e vai chegar polo sur a Porto, e polo leste a Castela e Asturias, e a toda España e Europa", dixo, "cando chegue o tren de alta velocidade". "Ese é o obxectivo", concluíu, "que sexa un faro, un novo camiño, o camiño do século XXI". "Debemos converternos en vendedores desta idea", afirmou, e animou aos medios de comunicación a facer o mesmo.

'Cultura si, Mausoleo non' acusa a PSdeG e BNG de "fraude electoral"
A Plataforma 'Cultura si, Mausoleo non' considera que coa creación da Fundación Gaiás, que xestionará con capital mixto unha parte da Cidade da Cultura, o goberno bipartito realiza un "fraude electoral". Xan Carlos Ansia, portavoz da plataforma, cre que PSdeG-PSOE e BNG incumpren un dos eixos do seu goberno, no que se comprometían a revisar o proxecto da Cidade da Cultura "para que sirva ás necesidades máis urxentes con criterios de sustentabilidade económica e de rendabilidade social e cultural".

A plataforma fala de entrega a mans privadas da "xestión da política cultural" e afirma que "ao bipartito non lle chega co despilfarro acumulado de 500 millóns de euros senon que inviste 11.270.000 euros para sustentar económicamente á Fundación, que queda en mans privadas co 51% do total". En consecuencia, a plataforma pide a disolución da Fundación Gaiás e o reintegro dos 11.270.000 euros aportados pola Xunta ás arcas públicas.

As obras do monte Gaiás recibirán 41 millóns de euros en 2009, case un terzo dos cartos destinados pola Xunta a partidas culturais. A finais de 2009 poñeranse en funcionamento tanto o Arquivo Nacional como a Biblioteca Nacional. Para ver rematados tanto o Centro de Arte Internacional como o Escenario Obradoiro, haberá que agardar algúns anos máis, a pesar de que a presentación en todo o Estado da Cidade da Cultura terá lugar ao longo de 2010, coincidindo co ano Xacobeo. A Fundación Gaiás, que xestionará a metade dos edificios do complexo aínda non conta con director xeral nin estatutos e debe comezar a decidir os usos específicos dos espazos que serán da súa competencia.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os membros do padroado da Fundación Gaiás, en cabezados por Touriño, Bugallo e Urgoiti
Os membros do padroado da Fundación Gaiás, en cabezados por Touriño, Bugallo e Urgoiti