Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Esixen que non se autoricen máis parques

"A Xunta non actuou de xeito responsábel", critica Adega

Advirten de que adxudicar a potencia eólica agora "fará moi complicado" que o Goberno poida logo desbotar os proxectos agresivos polo impacto ambiental, territorial, social, patrimonial.

Redacción - 14:55 26/12/2008
Tags: Adega eólico

O deseño dunha Mesa Eólica que lle dea voz a sectores diversos da administración e da sociedade e que poida tramitar de xeito correcto o proceso aprobando "un novo Plano Eólico". Desde aí propón repensar o camiño a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega).

Así por exemplo, suxiren que as consellarías de Política Territorial e Medio Rural "deberían vetar as localizacións que poidan ir en contra da ordenación racional do territorio", vixiando as posíbeis incompatibilidades dalgúns dos parques con outros usos prioritarios ou mesmo debido a que entran en contradición coas directrices de ordenamento do territorio. Do mesmo xeito, Medio Ambiente e Cultura deberían fixar aqueles espazos que por razóns ambientais, paisaxísticas ou patrimoniais "non deben ser susceptíbeis de albergar parques eólicos".

Adega recórdalle á Consellaría de Industria que procesos similares puxéronse en marcha en Navarra ou Asturias, baixo a preocupación previa de garantir un desenvolvemento eólico "verdadeiramente sustentábel". "As eivas poderíanse ter evitado se antes de adxudicar a potencia ás empresas se abrise un amplo debate sobre o novo modelo de xestión da enerxía en Galiza, que debería cristalizar nos novos Planos Sectorial Enerxético, Eólico, da Biomasa, entre outros", subliñan os ecoloxistas.

Buratos legais no proceso
"Adxudicar a potencia eólica agora fará moi complicado que a Xunta poida logo desbotar os proxectos agresivos polo impacto ambiental, territorial, social ou patrimonial", avisan desde Adega.

"No caso da enerxía eólica non se trata de concesións con prazos de reversión", láianse desde o colectivo. "Legalmente significa que non hai rescate posíbel, nin caducidade, nin vencemento da concesión", apuntan, "só cabe a revisión da DIA (Declaración de Impacto Ambiental), a indemnización e, para as comunidades de montes, a non renovación do arrendamento". E aínda no extremo dos rexeitamentos no caso de declaracións ambientais negativas, "as empresas teñen xa recoñecidos os seus dereitos e poden continuar presentando proxectos até que sexan aprobados ou topen cunha administración máis proclive".


3,71/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: