Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CONGRESO EN TUI, DO 11 AO 13

Álvarez Blázquez, do 'a' ao 'zeta'

Méndez Ferrín, Axeitos, Darío X. Cabana e Sánchez Bargiela coordinan as xornadas sobre o homenaxeado nas Letras., organizadas pola RAG.

M.S.P. - 10:00 12/12/2008

O ano de Álvarez Blázquez chega ao seu fin; é tempo de facer balance. Para Celso Álvarez Cáccamo "foi un ano moi activo; é a primeira vez que me vexo envolvido nas actividades, pero polo que vin e me din, este ano foi máis intenso que outros. Paréceme moi positivo o envolvimento dos escolares, entre os que houbo proxectos moi interesantes e lembro con especial emoción unha actividade que se fixo en Padrón, onde máis de cen alumnos cantaron os poemas de Roseira do teu mencer, musicados por Eloi Caldeiro". Para o profesor, as celebración reproduciron "o que era o espírito cultural de Álvarez Blázquez, o traballo en rede, o reunir vontades e esforzos para a construción colectiva". E anuncia aínda a publicación de novas obras sobre Álvarez Blázquez, xa no 2009, "sería triste e grave que todo o que se produza sobre un autor tivese que publicarse antes do 31 de decembro; significaría considerar a cultura como unha efeméride e non como unha construción continua".

O congreso que este xoves se iniciou en Tui procura poñer ese peche ao ano de Álvarez Blázquez, coa presenza destacada de Manuel Forcadela, Victor Freixanes, Manuel Bragado, Xosé Ramón Barreiro ou os propios Méndez Ferrín, Axeitos, Sánchez Bargiela ou Darío X. Cabana, e buscando abranguer todos os aspectos do traballo do intelectual. Celso Álvarez Cáccamo non participa, di, "por distintos motivos" mais considera que aínda que a realización destes encontros "sempre é positiva", para que sirvan "para dicir algo novo" probabelmente sexa preciso "organizalos con máis tempo".

Na primeira xornada X.L. Méndez Ferrín ofreceu unha conferencia sobre "A literatura galega interpretada por Xosé María Álvarez Blázquez". A seguir Alfonso Álvarez Cáccamo, Alfonso Álvarez Gándara e Emilio Álvarez Rei leron unha serie de comunicacións, baixo o título de "achega da familia Álvarez á construción do país". Xa pola tarde Eduardo Méndez Quintas ofreceu unhas "Reflexións en voz alta sobre o labor arqueolóxico de X. M. Álvarez Blázquez", e para rematar a xornada, previa realización dun debate entre os presentes, Víctor Freixanes e Manuel Bragado falaron sobre "Álvarez Blázquez, editor".

Programa para venres e sábado
12 de decembro
10.00. Relatorio de X. R. Pena: "X. M. Álvarez Blázquez, canonizador e investigador da nosa literatura".
10.30. Relatorio de X. R. Barreiro Fernández: "A obra histórica de Álvarez Blázquez".
11.30. Conferencia de Rafael Sánchez Bargiela: "X. M. Álvarez Blázquez e a súa familia: un corazón aberto na vella cidade tudense".
12.00. Mesa Redonda: "O coleccionismo" (Méndez Ferrín, Carlos Pérez-Fonterosa, J.M. González Troncoso, Ernesto Iglesias Almeida)
13.00. Roteiro X. M. Álvarez Blázquez
16.30. Relatorio de Manuel Forcadela: "A narrativa galega de X. M. Álvarez Blázquez".
17.00. Comunicacións: "X. M. Álvarez Blázquez e a arqueoloxía da resistencia" (Carlos García Martínez e Fernando Acuña Castroviejo).
18.15. Debate conxunto.

13 de decembro
10.00. Relatorio de X. M. Álvarez Cáccamo: "X. M. Álvarez Blázquez: A paixón das orixes".
10.30. Comunicacións: "X. M. Álvarez Blázquez: Unha voz propia e honrada" (Ana Acuña, Ramón Nicolás e Carlos Bernárdez).
12.00. Debate conxunto.
13.00. Conferencia de clausura de Darío Xohán Cabana: "X. M. Álvarez Blázquez, editor revolucionario".


Ligazóns

2/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: