Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
CUMIO EN POZNAŃ

Galiza contribúe nun 0,12% ao efecto invernadoiro mundial, pero aspira a reducilo

A Xunta creará unha oficina do cambio climático para facerlle o seguimento ao Plan de Acción que aprobará definitivamente nuns meses.

Redacción - 18:00 10/12/2008

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, fixo un chamamento á cidadanía para que se implique na loita contra o cambio climático, aínda facendo "pequenas cousas", como pechar a billa da auga cando non é necesaria ou aproveitar os residuos. Tamén dixo que Galiza achega o 0,12 por cento dos gases de efecto invernadoiro do mundo "así que, polo menos, ten que ser o 0,12% da solución". Neste senso, dixo que o Plan Galego de Acción contra o Cambio Climático da Xunta aspira a reducir en 2,45 millóns de toneladas ao ano esas emisións de aquí a 2012.

O Goberno anunciou que poñerá en marcha unha oficina do cambio climático en Galiza para controlar a marcha do plan, que entrará esta semana en fase de exposición pública e, despois de dous meses, aprobarase de xeito definitivo. O anuncio fíxose durante o cumio mundial contra o cambio climático, que se desenvolve até o 12 de decembro na cidade polaca de PoznaÅ„. Vázquez participou nun acto organizado pola consellaría de Medio Ambiente de Euskadi.

Segundo o anuncio do conselleiro, a oficina contra o cambio climático terá caracter interdepartamental, pois o plan de acción do Goberno aféctalles a todas as consellarías. Tamén terá o obxectivo de facer dispoñíbel tecnoloxía para o fomento da educación ambiental. De feito, a Consellaría de Medio Ambiente xa dispón dun proxecto co mesmo fin, Climántica.

Obxectivos
O texto inclúe obxectivos "cuantificados", lembrou Vázquez, e determina que o sector que máis reduza as emisións de CO2 sexa o do transporte, cunha redución superior ao millón de toneladas. Para acadalo, o Goberno propoñerá medidas de redución do consumo de combustíbel, renovación do parque de vehículos, cursos de condución eficiente ou promoción dos biocombustíbeis, alén da promoción do transporte público.

Outros 0,34 millóns de toneladas anuais prevense aforrar no eido residencial e institucional, grazas ás melloras das instalacións térmicas dos edificios, á aplicación das Normas do Hábitat e ao fomento da construción con madeira. En total, o orzamento do Plan de Acción será de 347,6 millóns de euros, aínda que pode sufrir modificacións durante o prazo de exposición pública. A delegación da consellaría en PoznaÅ„ tamén aproveitará a súa presenza no cumio para recoller ideas.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: