A ultrafondista de Vilagarcía gañou con claridade a categoría feminina, rematando na sexta posición xeral sobre un total de 36 participantes.
Cristina correndo, nunha imaxe de arquivo
O bo momento de forma no que se atopa a ultrafondista Cristina González tivo continuidade o pasado domingo na carreira de seis horas disputada na localidade catalá de Calella. A carreira realizouse sobre un circuíto urbano de tres quilómetros, que as corredoras e os corredores percorreron tantas veces como lles foi posíbel, nas seis horas de carreira. González non só gañou a categoría feminina, senón que ademais rematou na sexta posición da clasificación xeral.
A corredora de Vilagarcía completou un total de 65,55 quilómetros, avantaxando en máis de seis á súa inmediata perseguidora, a catalá Estefanía Climent. Despois de levar a vitoria nunha proba de 100 quilómetros disputada en Terrasa o pasado mes de outubro, González preséntase con esta vitoria como unha clara candidata a gañar as 24 horas de Barcelona, que son o seu principal obxectivo da tempada. Esta carreira comezará o día 20 de decembro e nela Cristina volverá ter como principal rival á corredora local Estefanía Climent, que buscará redimirse da derrota sufrida este domingo en Calella.