Cando chegou a Murcia para xogar ao baloncesto e estudar o mestrado en Educación Física non pensou que remataría gañando carreiras de 100 quilómetros.
Cristina González está cursando a última materia do seu mestrado en Educación Física, actividade que compaxina con intensos adestramentos de carreira continua. A súa vitoria nunha proba de 100 quilómetros desputada en Terrasa o mes pasado dálle folgos para seguir adestrando, aínda que para ela o deporte supón simplemente un medio de liberación. Agora prepara unha carreira de 24 horas que correrá o vindeiro día 20 en Barcelona.
Vieiros: Como se acada ao nivel físico necesario para correr unha carreira de 100 quilómetros?
Cristina: A verdade é que vai chegando aos poucos. Eu sempre digo que se queres podes. Comecei no baloncesto, e cheguei a Murcia para compaxinalo cos estudos. Aquí coñecín a Alberto, a miña actual parella, e comecei a correr con el, que levaba moito tempo dándolle duro. Era unha época delicada para min porque perdera ao meu pai e estaba baixa de moral, nese tempo correr axudoume moito.
O día 20 de Decembro comezas en Barcelona unha carreira que debería durar 24 horas. Que expectativas tes para esta proba?
Estou adestrando bastante duro, pero é a primeira vez e non sei como vai responder o corpo. O ano pasado a gañadora fixo 166 quilómetros. É certo que a min gustaríame chegar a 180 ou 200 pero é unha cousa totalmente nova para min e non sei do que vou ser capaz.
Como se deu a transición entre dous deportes tan diferentes como son baloncesto e ultrafondo?
A transición foi curiosa, porque antes estaba integrada nun equipo e, principalmente, no que para min foi sempre un grupo de amigas. Co fondo pasas a depender só de ti. Colles as zapatillas e arrancas a correr. Fisicamente o corpo muda, e tamén te volves máis forte mentalmente. Agora teño que ser máis disciplinada porque compito comigo mesma. Tes que coñecerte e compites contra o teu corpo e a túa cabeza. Chega un momento no que as pernas doen e nese intre é moi importante seguir tendo ganas de correr. O aspecto mental é fundamental.
Crees que á xente lle resulta difícil entender que pasedes 24 horas correndo?
Si, eu enténdo que lles coste pero dáme rabia que se tome como unha tolemia. Aínda así, a xente vaise acostumando. Un bo exemplo era miña nai, que ao principio sufría moito pero pouco a pouco foise afacendo.
Supoño que adicándolle tantas horas o deporte terá un papel fundamental na túa vida, non?
Eu recomendo o deporte a todo o mundo, porque nos axuda a estar máis activos e tamén a esquecer os nosos problemas. Penso no deporte como unha maneira de sentirme máis feliz, e con esta mentalidade acadei os meus maiores éxitos. Hai días moi sacrificados, por exemplo cando te levantas ás sete da mañá e tes que adestrar dúas horas e media antes de ir á clase. Visto dende fóra parece unha tolemia, pero cando chego ás aulas síntome máis vital e encántame esa sensación.
A maioría dos deportistas afirma que o seu soño é chegar a participar nuns Xogos Olímpicos. Tes isto en conta agora que te estás a especializar en distancias non olímpicas?
Está claro que sería moi fermoso participar nun mundial ou nunhas olimpíadas, pero eu só penso en ser feliz practicando deporte e esixirme, sen reparar no que vou conseguir con isto. Os Xogos Olímpicos só chegan até o maratón, pero iso non me obsesiona, aínda que non descarto nada. Agora mesmo estoume preparando para a resistencia, mais é certo que teño pensado traballar no futuro en series máis cortas. Na maneira da que eu enfoco o deporte os éxitos son secundarios, eu practico deporte porque me fai sentir mellor persoa e aumenta a miña felicidade.
Chegaches a Murcia cunha bolsa de baloncesto, despois de saír da canteira do Extrugasa. Como valoras o delicado momento polo que están a pasar as túas antigas compañeiras?
Eu agora non sigo con continuidade o equipo, pero teño a impresión de que non tiveron moita sorte coa xente alta que trouxeron este ano. A ver se pouco a pouco van gañando os partidos máis sinxelos para ir subindo pouco a pouco. Só teño bos desexos para elas, e espero velas mellorar.