Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Indiferenza do goberno español

Veciños feridos na protesta contra Defensa fronte á Brilat

Unha muller tivo que ser trasladada a un centro médico despois de ser agredida por un Policía Militar durante a concentración en Figueirido.

Redacción - 09:00 09/12/2008

O rexeitamento da ampliación do perímetro de seguridade de 300 metros do cuartel da Brilat de Figueirido, foi motivo outra vez da protesta veciñal, que este luns convocou medio milleiro de persoas no medio dun escenario de tensión. A Policía Militar bateu nunha muller que presuntamente traspasara o cerco policial a pé da base. Logo de sufrir un desmaio tivo que ser trasladada a un centro sanitario. Posteriormente, denunciou a agresión en comisaría.

A convocatoria da protesta ante a Brilat contaba coa autorización da subdelegación do goberno español en Pontevedra, e coincidía co desfile militar con motivo do Día da Inmaculada, patroa de Infantaría. Fronte aos veciños despregouse un inédito cordón policial con cando menos unha ducia de axentes da Unidade de Intervención de Vigo da policía española e unha ducia de gardas civís, ademais da propia policía militar.

Os axentes identificaron "por insultos" a catro veciños, que serán propostos para sanción pola vía administrativa. A veciñanza berrou consignas contra o exército no medio de pancartas con mensaxes contra a ministra de Defensa, Carmen Chacón.

"O monte é noso"
Ao remate da concentración leuse un manifesto no que os afectados pola aplicación da franxa de seguridade cuestionaban a legalidade da orde ministerial. "Isto sitúanos fóra do Estado de Dereito", asegurou un dos voceiros veciñais, Fernando Pintos, argumentando que as súas propiedades se rexen baixo unha lei de 1975 que lles impide facer modificacións e dispoñer dos seus bens sen o permiso de Defensa.

Ademais de pedir a anulación da orde que estabelece a ampliación da franxa de seguridade, os veciños tamén se opoñen ás obras que a Brilat está a realizar nun lugar próximo ao campo de tiro para realizar adestramentos dirixidos especificamente aos militares que van realizar misións no estranxeiro. "Non cuestionamos as obras", afirmou Pintos, indicando que a queixa céntrase na súa situación, que entende feita "con mala idea", porque están nunha zona de monte. Moitos dos carteis que portaban os manifestantes contiñan o lema "O monte é noso". A partir desta semana os veciños van realizar patrullas ou "rutas" polo monte para evitar o avance das obras.


4,43/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: