Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANUEL ANTELO, SECRETARIO DE GALIZA NOVA EN 1990

"O nacionalismo estaba excluído; había militantes clandestinos na súa familia"

A organización xuvenil nacionalista está a celebrar o seu XX aniversario. Foron dúas décadas nas que houbo unha importante transformación política e social.

M. del Río - 19:00 07/12/2008
Manuel Antelo

Manuel Antelo

A véspera do Día da Patria a organización nacionalista xuvenil Galiza Nova fixo 20 anos. Falamos co que foi o seu segundo secretario xeral, de 1990 a 1992, Manuel Antelo. Agora é voceiro municipal do BNG en Vimianzo e profesor de Secundaria. Antelo contoulle a Vieiros como xurdiu Galiza Nova e como cambiou a mocidade galega nas últimas dúas décadas.

Vieiros: Como lembra aqueles primeiros anos de Galiza Nova?

Manuel Antelo: Foi un proceso de impulso. Galiza Nova xurdiu partindo da referencia do nacionalismo que supoñían as organizacións estudiantís, como ERGA cou os CAF, pero non había ningún proxecto nacionalista para o conxunto da mocidade. O BNG quería abrirse á sociedade. Galiza Nova foi impulsada por parte da xente nova nacionalista, e propúxose formalmente na asemblea do BNG no Carballiño, en 1987. Emitiuse unha resolución ao respecto para favorecer a constitución dunha organización da mocidade. Entón pasamos a tratar de construír alternativas e a estruturar a organización.

Cales foron os seus obxectivos fundacionais?
O primeiro obxectivo foi tratar de plasmar, a partir do BNG, unha opción política para a xuventude que abranguera diferentes sectores. Partiuse do ámbito estudantil, que tiña unha acción política desenvolvida, pero había que abrir outros campos: o asociacionismo, a política a prol das mulleres ou o antimilitarismo, áreas onde non tiñamos actividade. O segundo obxectivo foi estender a nosa organización a todo o país, principalmente chegar aos lugares onde o BNG tiña máis implantación.

Cambiou moito Galiza Nova dende entón?
Os cambios tiñan que ver sobre todo co desenvolvemento do proxecto político nacionalista e da sociedade galega. Cambiou a xente: as organizacións xuvenís son inestábeis, porque hai moitos cambios xeracionais. A xente vai pasando á política xeral cando fai arredor dos 30 anos. Iso non pasa noutro tipo de organizacións políticas. Como moito, pódese participar nunha organización xuvenil durante 10 anos. Iso xa é un factor de certa inestabilidade. Fórmaste como persoa, constrúes as túas ideas, e teslle que dar o relevo á xente que vén detrás. Ademais, agora o BNG está gobernando, que é o obxectivo de toda organización política. É algo positivo e transformador para o país. Iso xa é un cambio moi importante. Antes estabamos nunha política de oposición, aínda que creo que a creación de Galiza Nova foi unha experiencia importante na primeira acción de goberno, que tivo lugar na universidade. Tamén cambiaron os recursos e os medios. Agora temos a informática, o móbil. Daquela era máis complicado convocar unha reunión: había que escribir á máquina, enviar cartas... E non sempre se podía facer por teléfono, porque o nacionalismo estaba excluído da sociedade, non estaba ben visto, e tiñamos dificultades porque había militantes clandestinos na súa familia, sometidos á represión política polos seus pais. Agora hai máis medios, pero tamén novos problemas.

E tamén mudou a mocidade galega?
Hai que facer unha reflexión sobre o nacemento de Galiza Nova, que coincidiu co comezo do crecemento do BNG e do seu apoio social. Hoxe a mocidade segue a ser o sector da sociedade con maior inconformismo. Pero hai outros problemas, que teñen que ver coas diferentes formas de entender a sociedade, que provocan unha confrontación entre a xente nova e a adulta. A mocidade é unha etapa de transición. Seguen a existir as expectativas de emprego e de formación, e sempre lles hai que buscar a solución. E seguen cos mesmos ámbitos de entón, no sentido de que a mocidade é a máis preocupada polo medio, polo antimilitarismo, pola sexualidade, o feminismo. Son problemas que seguen a existir.

E que mudou para vostede?
Eu hai 20 anos era un estudante con escasos recursos económicos, comprometido politicamente. Agora son traballador, profesor de Secundaria, sigo comprometido politicamente e co mesmo proxecto. Porque cando creamos a organización da mocidade, sempre fomos do BNG. Non pensamos nun proxecto distinto, sectorial. Seguimos militando no BNG, na mesma liña de pensamento, acadar maiores cotas de soberanía e de autogoberno no país, e transformar a sociedade no beneficio da maioría social. Agora son voceiro do BNG nun concello da Costa da Morte, sigo en contacto coa xente nova e sigo crendo na potencialidade transformadora da xente nova e en conseguir plenamente o proxecto político do BNG.


4,18/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: