Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Campaña europea

Unha "tarifa social" da enerxía, dereito básico da cidadanía

Colectivos de toda a Unión Europea colaborarán na recollida dun millón de sinaturas para que o Europarlamento tome en consideración a proposta.

Redacción - 17:45 05/12/2008

Garantir o acceso á enerxía a toda a cidadanía e baixo o que se denomina "tarifa social" é o desafío a prol do que traballa a plataforma Dereito á Enerxía (DAE). O colectivo involucra medio milleiro de organizacións en 72 países. Como secretario xeral da DAE, o galego Fermín Paz Lamigueiro asistiu recentemente á conferencia internacional que celebrou en Hungría a Federación de Traballadores da Enerxía Eléctrica.

Aló, e aproveitando a xuntanza dunha ducia de organizacións sindicais do sector para falar de servizos públicos, negociación colectiva e dereito á folga, a DAE tivo oportunidade de sumar forzas no seu traballo. "O noso obxectivo é acadar unha tarifa social para auga, gas e electricidade", afirmou Fermín Paz, explicando a iniciativa da plataforma para a consecución dun millón de sinaturas no continente que obrigue o Parlamento Europeo a tomar en consideración a iniciativa.

A nula xestión de recursos, tamén por tras da crise
Na súa intervención, Paz Lamigueiro subliñou a dimensión social da enerxía e a súa característica de servizo público". Na súa opinión, no actual contexto de crise económica evidénciase con máis claridade como os causantes da actual conxuntura "amosaron como mal xestionaron un asunto de vital importancia para o desenvolvemento e para a paz en todo o mundo". A DAE conta na actualidade con voz no Consello Económico e Social das Nacións Unidas (ECOSOC), desde onde traballa a prol do impulso de propostas concretas que resolvan situacións que na actualidade bloquean o acceso aos recursos enerxéticos de primeira necesidade a dous mil millóns de persoas en todo o planeta.

O goberno brasileiro é na actualidade un dos pioneiros na introdución dun modelo de tarifa social que permite para os fogares daquel país reducións na taxa de enerxía eléctrica de entre o 10 e o 65%. O executivo liderado por Lula da Silva estabeleceu entre outros un sistema a través do cal por exemplo os fogares con rendas familiares por baixo de 120 Reais (o equivalente a 37 euros), reciben o máximo desconto na conta eléctrica. No contexto estatal, o goberno español puxo en marcha hai poucos meses unha iniciativa bautizada como "tarifa social eléctrica", proxecto criticado polas asociacións de consumidores que consideran que é pouco ambicioso e que non se axusta á realidade do fogar medio.


Anterior: "Nesta parte do mundo podemos facer moito" (entrevista con Fermín Paz)


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: