Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SÁBADO 6, NA SALA NASA

A Audiencia Nacional permite a celebración da 'Festa pola Liberdade'

O xuíz entende que as reivindicacións do concerto, no que actuarán A Quenlla, Skárnio e Vai, enmárcanse dentro da liberdade de expresión.

Redacción - 19:20 04/12/2008

Haberá festa o sábado. O xuíz Eloy Velasco desestimou este xoves a petición da Asociación de Víctimas del Terrorismo (AVT), que solicitara a prohibición do concerto. O auto do xuíz explica que a plataforma convocante, 'Que Voltem a Casa', "ten por obxecto certas reivindicacións consistentes na esixencia de que se acorde a liberdade provisional de Santiago Vigo Domínguez e José Manuel Sánchez Gorgas, que se lles achegue a prisións próximas ao seu domicilio en Galicia e que se recauden fondos para financiar as viaxes de visitas dos seus familiares e amigos a ambos presos por presunta implicación en actos de terrorismo galeguista radical".

O xuíz explica que as reivindicacións da plataforma "intégranse dentro do marco da crítica política e a reivindicación e polo tanto non pode prohibirse a priori a realización dun acto destas características". Velasco conclúe "polo tanto" que a convocatoria non persegue "a realización de ningún acto de homenaxe a favor de condenados por terrorismo, nin dunha homenaxe encuberta a dous terroristas condenados recentemente pola Audiencia Nacional".

Deste xeito péchase unha semana de ruido mediático iniciado polo Partido Popular cando intentou, primeiro no pleno municipal de Santiago de Compostela do xoves 27, e despois por vía xudicial impedir a celebración do concerto; os populares pedían así mesmo que a Sala Nasa devolvese as subvencións recibidas polo concello.

A Quenlla, Vai e Skárnio
Haberá festa o sábado, por suposto. O concerto comezará ás nove da noite, presentado por O Leo, que irá dando paso no escenario da Sala Nasa a Vai, A Quenlla e Skárnio. Tamén está previsto que participen a escritora Teresa Moure e o xornalista Gustavo Luca, dando leitura ao manifesto da Plataforma a primeira, e a un discurso sobre a actualidade mais recente o segundo. O obxectivo do concerto é difundir as reinvindicacións da Plataforma (por exemplo, achegamento dos presos a Galiza) ao tempo que se recadan fondos para financiar as visitas de familiares, amigos e amigas dos presos independentistas a centos de quilómetros dos seus domicilios.

O comunicado feito público o martes, manifestando o respaldo á celebración da festa e a denuncia á persecución da plataforma e da Sala Nasa, segue recabando apoios. Ademais das persoas que xa asinaran o manifesto o propio martes, como Xosé Manuel Beiras, Xosé Luís Méndez Ferrín, Teresa Moure, Xurxo Souto, Margarita Ledo Andión, Anxo Angueira, Francisco Fernández Rei ou Paco Souto. Nos dous últimos días uníronse ducias de persoas máis, principalmente do mundo da cultura, como Séchu Sende, Comba Campoy, Rubén Ruibal, Marcos Teira, Ugia Pedreira, María Lado, Xelís de Toro ou Francisco Macías.


5/5 (19 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: