Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise

Crise, que crise?

A resposta humanitaria a conflitos ou desastres adoita estar moi influída pola magnitude e presenza nos medios. Reflexión de Francisco Rey, do IECAH.

Francisco Rey - 11:45 06/12/2008
John Holmes, vicesecretario Xeral para Asuntos Humanitarios da ONU / Imaxe: BBC

John Holmes, vicesecretario Xeral para Asuntos Humanitarios da ONU / Imaxe: BBC

Como en ocasións anteriores, conforme nos achegamos a finais de ano, adoitan coincidir dous tipos de eventos: a publicación dos informes anuais sobre a axuda aos países empobrecidos, e a petición por parte de numerosos organismos internacionais das axudas para o ano seguinte, neste caso o 2009.

Así sucedeu esta semana, e a coincidencia da publicación do informe do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH) e Médicos sen Fronteiras sobre 'A acción humanitaria en 2007: freada á vista?', e o 'Chamamento humanitario para 2009' realizado pola ONU, permite facer algunhas consideracións globais sobre o estado actual da axuda e as súas perspectivas de futuro. Perspectivas, todo hai que dicilo, bastante preocupantes.

A primeira constatación do informe do IECAH, que coincide coa doutros estudos internacionais sobre a axuda ao desenvolvemento, é que no ano 2007 houbo un parón nas cifras de financiamento da acción humanitaria -tamén, e de modo máis abrupto, nas de axuda oficial ao desenvolvemento (AOD)-, o que pon en cuestión o compromiso dos gobernos aparentemente asumido en anos anteriores. Este descenso, que se acelerou no ano 2008 debido á crise económica, ameaza totalmente o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) e os avances realizados en materia de financiamento humanitario. En termos porcentuais, a axuda humanitaria representou en 2007 aproximadamente o 7 % do total da Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) dos países do Comité de Axuda ao Desenvolvemento (CAD) situándose ao redor dos 5.000 millóns de euros, aínda que as cifras non son definitivas. E se o informe manifesta preocupación é porque esta freada produciuse nunha época na que aínda non se empezou a falar de crise económica ou financeira internacional.

A resposta humanitaria a conflitos ou desastres adoita estar moi influída pola magnitude destes e pola súa presenza nos medios de comunicación, e por iso interesa recordar que durante 2007, polo menos 43 países foron escenarios de graves crises humanitarias, unha cifra similar á do ano anterior. Se a de Myanmar recibiu considerábel atención mediática, outras -como as que afectaron a Somalia, Cimbabue, Sri Lanka, República Democrática do Congo, Colombia, República Centroafricana ou Chechenia- apenas lograron reflexo algún nos medios de comunicación xeralistas e na conciencia dos principais actores internacionais.

Ademais, os 414 desastres naturais cualificados como fortes castigaron 211 millóns de persoas (un 40% máis ca en 2006) aínda que unicamente se contabilizaron 17 mil vítimas mortais, que é a cifra máis baixa en toda a década, o que algúns atribúen a unha mellora dos mecanismos de resposta.

Desde a perspectiva institucional vinculada coa acción humanitaria si que houbo cousas destacábeis. En 2007 iniciou o seu mandato o novo Secretario Xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-moon e, con el, un novo Vicesecretario Xeral para Asuntos Humanitarios, o británico John Holmes. Este continuou a denominada Reforma Humanitaria emprendida en anos anteriores, salientando os aspectos internos ao sistema de Nacións Unidas. Con todo, a incorporación da ONG aos diversos instrumentos da Reforma, especialmente ao financiamento proveniente do Fondo Central de Resposta a Urxencias (CERF), ou o chamado sistema de clusters, foi até o de agora escasa, e o cuarto alicerce da Reforma, a asociación ou "partenariado" con outros actores, avanzou pouco. O respecto á pluralidade e aos mandatos das ONG é esencial, pero tamén o é o seu recoñecemento como actores que achegan unha gran parte da resposta humanitaria global. Esta reforma humanitaria, con todo, non foi acompañada de reformas de maior calado na ONU, o que fixo que o seu papel siga sendo, en moitos conflitos, irrelevante.

Visto así o ano 2007, talvez o único alivio é que non se produciu o estalido de ningún novo conflito violento de alta intensidade e que ningún desastre natural chegou aos niveis coñecidos nos anos inmediatamente precedentes. Un consolo escaso que non compensa a sensación de que seguimos tan lonxe como estabamos de endereitar o rumbo.

No ano 2008, con todo, viuse como se agravan dramaticamente algunhas situacións como Somalia, Darfur, Palestina ou a República Democrática do Congo, e tamén as provocadas por desastres de compoñente natural como os monzóns ou furacáns, e é nese contexto no que se lanzou o Chamamento Humanitario 2009 que solicita á comunidade internacional unha cifra, só para a ONU, similar a toda a axuda humanitaria do ano anterior: 5.000 millóns de euros (7 billóns de dólares). O optimista Holmes manifestaba no acto de lanzamento do Chamamento que "non hai indicios de que a crise económica poida afectar as contribucións ao Chamamento", pero sinceramente, moito nos tememos que iso sexa confundir o desexo coa realidade.

En calquera caso, o reto sería o tratar de que a crise financeira no Norte non se transforme en aumento de crises humanitarias no Sur. E o Cumio do G-20 ampliado e as decisións dos países ricos non prestaron suficiente atención a ese aspecto. E xa vai sendo hora. Esperemos que o Chamamento Humanitario 2009 contribúa a iso.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: