M.S.P. - 11:30 04/12/2008
"Estou moi contenta e moi asustada"
"A miña canción favorita? Idioma Meu"
Ferrol prepara unha grande homenaxe para a artista máis importante que deu a cidade nos últimos cincuenta anos. María Manuela puxo a voz a cancións claves no imaxinario galego como
Habemos de ir a Viana,
Idioma Meu, Barco Negro, Miña nai e maila túa ou
Ergueremos a espranza. A forza da voz de María Manuela leva corenta anos brillando nos escenarios, primeiro acompañada pola música de Miguel Varela (Miguel Tranquilo), o seu home e infatigable compañeiro en toda súa carreira, e despois en solitario. Este xoves non estará soa no Teatro Jofre, todo o contrario.
Miguel Tranquilo e a música de María Manuela (Artigo de Victorino Pérez Prieto, publicado en Vieiros en 1998)Xurxo Souto presentará o evento, para o que hai días que se esgotaron todas as entradas, mentres que a dirección musical correrá a cargo de Nani García e Xurxo Varela, fillo da cantante. Cantarán con María Manuela, entre outros, Guadi Galego (
Os meus amores), Uxía Senlle (Cantares), Ugia Pedreira (
Manual do señorito), Sonia Lebedinsky (
A mulata Coromoto), Mini e Mero (
Moraima), Ánxela Loureiro (
Romanciño da Rosa Branca), Xabier Díaz, Pilocha ou Xiana Lastra (
Gaivota). O mércores pola tarde tivo lugar o ensaio xeral, con todos os artistas, e despois celebrouse unha cea.
María Manuela di estar "asustada pero moi contenta. É unha responsabilidade que esta xente, que confía en min, estea preparando un espectáculo moi bonito. Estou feliz, estou disfrutando, porque isto non lle pasa a todo o mundo". De entre todas as cancións do seu repertorio queda con unha: "
Idioma meu, unha homenaxe ao noso idioma, un poema de Manuel María e musicado polo meu home, por Miguel. É unha canción moi especial para min".
A homenaxe vai máis aló deste concerto. Dende o 1 de decembro, e até o día 14. na sala de exposicións do Ateneo estarán expostas varias obras pictóricas de María Manuela. Así mesmo, durante esta semana a institución cultural acolleu dúas mesas redondas, unha delas moderada por Chelo Loureiro e centrada na pintura: "María Manuela, a súa pintura no seu tempo", coa intervención de Alfonso Costa, Eva Veiga e Siro López. E outra dedicada á música, moderada po Xulia Díaz, e na que falaron Ánxela Loureiro, Mini e Mero, Pepe Dopico e Xurxo Varela.
Habemos de ir a VianaErgámo-la espranza Idioma meuIdioma meu, humilde, nidio, popular,
labrego, suburbial e mariñeiro,
que fas avergoñar
ó burgués, ó señorito e ó tendeiro;
levas sangue do pobo
e raigañas escuras
que anuncian un día novo
sen mágoas nin tristuras.