Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ABRE CULTUR.GAL'08

Toda a cultura galega baixo un mesmo teito

O Palexco da Coruña acollerá até o domingo presentacións de libros, concertos, encontros profesionais, cun total de 75 stands.

Redacción - 11:00 04/12/2008

Este venres ás doce e media comezará o espectáculo. A conselleira de Cultura Ánxela Bugallo, o director xeral de Creación Cultural Luís Bará, o director do Cultur.Gal Nel Vidal e María Xosé Bravo, concelleira de Cultura, participarán no acto de inauguración da feira. Cultura-espectáculo, cultura-mercado, cultura-difusión. O Cultur.Gal concíbese como escaparate da produción cultural galega recente, como punto de encontro entre creadores e distribuidores, e entre creadores e público. As cifras dan conta da importancia do evento: catro días, cen empresas e entidades, 75 stands, presentacións de libros, proxeccións audiovisuais, e un grande espectáculo, o sábado á noite, no que música e teatro serán protagonistas.

No Cultur.gal realizarase preto dunha trintena de presentacións editoriais, entre as que figuran os últimos libros de escritores destacados do panorama literario galego. No Palexco presentaranse as novidades de Manuel Rivas, Teresa Moure, Fran Alonso, Inma López Silva, Santiago Jaureguízar, Manolo Janeiro ou Xabier P. Docampo.

O Cultur.gal 08 acolle a exhibición dun cento de producións cinematográficas galegas dentro do programa Panorama Galiza, para dar a coñecer a variada e abundante produción galega contemporánea. Esta proposta elaborada pola Axencia Audiovisual Galega da Consellaría de Cultura e Deporte abrangue longametraxes e curtametraxes de ficción, animación e documentais dos anos 2007 e 2008, na súa maioría de produción independente. Panorama Galiza é unha mostra da diversidade e da calidade da creación audiovisual galega máis recente, que reflicte o forte impulso que experimentou o sector nos últimos anos, co maior nivel de produción audiovisual da súa historia. A produción global de títulos case se triplicou con respecto ao ano ano 2004. En 2006 foi de 232 títulos e en 2007 de 273, mentres que no 2004 só chegaba aos 101.

A feira tamén ofrece este xoves unha programación dirixida aos profesionais inscritos. Ao longo da mañá do xoves celebrarase o primeiro día das II Xornadas da industria musical de Galiza, nas que se tratarán temas como "o sector independente e os dereitos musicais en Internet" e "empresas discográficas no século XXI: guía de supervivencia ou adaptación". Para o sábado 6 está prevista a realización dunha xornada profesional sobre o libro e a edición onde, baixo o título de "Presente e futuro do libro galego" e na que intervirán Alfonso García Sanmartín, presidente da AGE; Xurxo Patiño, presidente da Federación de Libreiros; e Xoán Manuel Pazos do Consorcio Editorial en representación dos distribuidores, debaterán sobre o estado actual da industria do libro e sobre o camiño que debera seguir.

O grande espectáculo do sábado á noite
O Music.gal é un espectáculo musical e multidisciplinar de creación propia, que pretende constituír unha mostra da creación galega máis vangardista e innovadora en diferentes ámbitos e estilos. Desenvolverase o sábado día 6 a partir das 21:00 h. Concentrará na mesma noite o hip hop de Dios ke te Crew; a fusión e habaneiras de Marful; a fusión e ritmos tropicais de O Sonoro Maxín; o pop electrónico de Projecto Mourente; o power pop de The Homens; a danza contemporánea de Proxecto Zocas; a poesía posta en escena de Yolanda Castaño e Estíbaliz Espinosa; e a creación gráfica de Pancho Lapeña e Federico Martínez. Todo isto conducido por Chévere e presentado por Belén Regueira.

Falemos de libros, gravación a 50 escritores
Unha das iniciativas máis interesantes da fin de semana será "Falemos de libros. Conversas con autores e autoras en galego" da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), unha proposta de gravación de entrevistas breves, para a súa posterior emisión a través da rede. Ao longo dos catro días de duración da feira, que se desenvolverá do 4 ao 7 de decembro no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña, ao redor de cincuenta escritores e escritoras participarán nestas conversas. A asistencia a estes encontros está aberta a todo o público.

Entre os autores e autoras que serán entrevistados no Cultur.gal figuran nomes como Yolanda Castaño, Xurxo Souto, Xavier Alcalá, Santiago Jaureguizar, Rosa Aneiros, María Reimóndez, Enma Couceiro, Chelo Suárez, Manuel Lourenzo Pérez, Pilar García Negro, Manolo Rivas, Lino Braxe, Antía Otero, Antón Reixa, Camilo Franco, Bieito Iglesias, Carlos Negro, Estíbaliz Espinosa, Xabier P. Docampo, Xosé Vázquez Pintor ou Xulio López Valcárcel.

O novo do Xabarín Club
O Xabarín Club da Televisión de Galicia fará a preestea do espectáculo preparado para a vindeira XabaXira de 2009 no Cultur.gal, a Feira Galega das Industrias Culturais, promovida pola Consellaría de Cultura e Deporte. Será o domingo día 7 ás 18:00 h. no Auditorio Gaviota do Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco) da Coruña. Os asistentes poderán gozar coa nova XabaXira, que amosa un formato diferente coa mestura de música, teatro e circo. Co título de "Xeración Xabarín. A conxura do polbo sideral", o espectáculo está concibido como un musical para público infantil e xuvenil. O protagonista, coma decotío, será o porco bravo.


Ligazóns

5/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: