Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O cuarto atentado no que vai de ano

ETA reaparece poñendo no seu obxectivo o empresariado vasco

Ignacio Uria, de 70 anos, faleceu tras recibir varias disparos esta cuarta feira a mediodía, en Azpeitia (Guipúscoa). Había oito anos que ETA non asasinaba un empresario.

Redacción - 09:50 04/12/2008

Dous membros de ETA asasinaron, de varios disparos, na vila de Azpeitia (Guipúscoa) o empresario Ignacio Uria Mendizabal, próximo ao Partido Nacionalista Vasco (PNV) e conselleiro da empresa construtora Altura y Uria. En oito anos ETA non tiña matado a ningún empresario, dende o asasinato do presidente da patronal guipuscoana, José María Korta, en agosto de 2000.

O TAV, un dos obxectivos de ETA
Uria facía parte dunha das empresas adxudicatarias dun tramo das obras do TAV, o chamado "Y" vasco, un dos obxectivos prioritario de ETA, que vai unir por alta velocidade as tres capitais vascas. A organización xa atentara varias veces contra as construtoras desta liña, entre elas a propia Altuna y Uria, que sufriu unha sabotaxe en marzo do ano pasado. Unha proba de que o TAV estaba no punto de mira de ETA é que nun dos seus últimos comunicados, o do pasado 16 de agosto, cualificaba ao Tren da Alta Velocidade como un proxecto "alleo aos intereses de Euskal Herria". Neste comunicado ETA acusaba ao PNV e aos seus "acólitos" de querer prorrogar as súas ganancias a costa de "soterrar en cemento" o territorio polo que pasará a infraestrutura ferroviaria, nunha liña semellante á empregada no seu día contra a inconclusa central nuclear de Lemoniz, a presa de Itoiz ou a autovía de Leizaran.

Nas últimas operacións contra ETA e os seus grupos de apoio, as forzas de seguridade do Estado atoparon, segundo informaron, documentación detallada sobre as obras do TAV, así como pasquíns contra o proxecto ferroviario. Ao parecer, a dirección de ETA tamén lle tiña ordenado ao 'Comando Bizkaia', desarticulado pola garda civil o pasado mes de xullo, atentar contra empresas relacionadas co TAV.

O cuarto atentado mortal no que vai de ano
O atentado contra Ignacio Uria é o cuarto mortal dende xaneiro deste ano, e produciuse minutos despois das 13:00 horas cando o empresario se dirixía ao restaurante Kiruri, moi perto da súa casa e ao que acudía cada día. Uria recibiu dous disparos, un na cabeza e outro no peito. Os sanitarios que se achegaron a socorrelo estiveron perto dunha hora tentando, sen éxito, reanimalo. O empresario foi asasinado por un membro de ETA, que se lle achegou de fronte no aparcadoiro do restaurante; un outro membro da banda agardaba no automóbil no que fuxiron ámbolos dous, que minutos antes fora roubado no alto de Itziar, a uns 25 quilómetros de Azpeitia, deixando ao seu condutor atado. Após tirotear a Uria, os dous membros de ETA volveron a Itziar para queimar o coche, borrar todas as pegadas, e fuxir nun outro automóbil que tiñan preparado.

Para máis información:


1/5 (1 votos)