Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Elsa Sánchez, vítima da ditadura arxentina

"Morrín moitas veces, pero estou viva"

A represión do réxime militar acabou coa vida do seu marido e das súas catro fillas. Ademais, quitoulle dous netos, que aínda busca.

Marcos S. Pérez - 19:10 27/11/2008

"Morrín moitas veces, pero estou viva". Deste xeito comezou Elsa Sánchez a súa conferencia, enmarcada no ciclo Conversas Con da Dirección Xeral de Xuventude. Elsa Sánchez, de 83 anos, é unha supervivinte, unha resistente; a represión do réxime militar arxentino quitoulle ao seu home, o escritor Héctor Oesterheld (autor do Eternauta), ás súas catro fillas, e a dous netos, que aínda busca. "Como non vou ter esperanza? Necesito algo para poder resistir a vida", di. "Elsa é en si mesma un manifesto, un poema, un relato que podemos ler no seu rostro", así a presentou Manuel Rivas, que incorporou a súa historia ao libro A corpo aberto, que acaba de chegar ás librarías.

"Sufrín unha desesperación tremenda durante anos, unha mutilación da alma, desaparecín para converterme nun ente que camiñaba pola vida sen saber por que. Nalgún momento aceptei que esa era o meu destino e que era irreversíbel, pero que non só me pasaba a min. Pasáballe a milleiros de persoas en Arxentina. Milleiros de persoas ás que lles mataran todos os fillos. Decateime de que había xente que me necesitaba; tiña dous netos que se salvaran do horror e que necesitaban á súa avoa, e que eu era ademais a única testemuña viva da historia de Héctor; había moita xente que o admiraba, para a que el era un referente". Elsa converteuse nun referente tamén, o exemplo resistente dun xenocidio familiar, un exemplo de como se podía deixar atrás o medo. A gaiola tornouse paxaro/ que farei co medo, escribiu Alejandra Pizarnik.

O propio Nóbel Pérez Esquivel díxolle persoalmente: "Elsa, hai tanto por facer..., como non imos facer algo?". Agora Elsa é consciente do seu papel "a xente necesita referentes, necesita que alguén os convenza de que paga a pena loitar". Quen dixo algunha vez: até aquí o amor, até aquí o odio? Quen dixo algunha vez: até aquí o home, até aquí non? Tan só a esperanza ten os xeonllos nítidos. Sangran (Juan Gelman).

Diante dos perto de catrocentos mozos e mozas reunidos no auditorio do Hotel Araguaney, Elsa Sánchez sorriu ao ver "outra vez moita xente con gañas de ter un mundo mellor". Recordou o terror posto en marcha polos militares: "eu vino moi claro, vía en perigo ás miñas fillas, e a todos eses rapaces, que eran a flor e nata de Arxentina, a xeración mellor formada. Eu dicíallelo: non se decatan de que están en perigo? E o mesmo ao meu home: el era un idealista total, era un home que quería vivir en liberdade e cunha certa xustiza social. Eu dicíalle ao meu home: se ti cres que isto que fas é necesario, faino, pero sálvame ás nenas. Pensaban que como moito quedarían presos, non o vían vir. Pero a partir do 24 de marzo de 1976 comezou unha cacería".

"O Eternauta anticipou o terror"
No Eternauta, unha obra referencia da banda deseñada escrita en 1957, Héctor Osterheld anticipou "unha neve mortal que nos invadía a todos e da que só a solidariedade de todos podía rescatarnos. Era, anticipada vinte anos, unha historia do que nos ía pasar". O Eternauta, cincuenta anos despois, é lido en todo o planeta por milleiros de persoas, sobre todo xente moi nova, "non o podo entender e tampouco Solano López", di Elsa Sánchez, "porque eles traballan para poder vivir". Di que o seu home "era un educador, el o que quería era aprenderlles aos rapaces a pensar. En todas as súas obras o fundamental é o ser humano, os dereitos humanos". E recorda "unha vez que o viñeron buscar os militares á casa pregunteilles 'por que o buscan a el', e eles respondéronme: 'porque é un ideólogo'".

Emocionada, Elsa Sánchez lembrou as inocentes denuncias á policía, que lle respondía que as súas fillas "se cadra o estaban pasando ben con algún mozo". "Naquel momento souben que non había posibilidade de atopalas, que as perdera para sempre", dixo. Videla deixou para a historia a súa terríbel resposta á pregunta de onde estaban os desaparecidos: "Os desaparecidos non están, non son".

A memoria, única vitoria posíbel
O 24 de marzo de 1976 Videla, Massera e Agosti deron o golpe, comezaron a cacería que acabou coa vida de máis de trinta mil persoas na Arxentina. "Primeiro mataremos aos subversivos; despois, aos seus colaboradores; despois, aos seus simpatizantes; despois, aos que permanezan indiferentes, e finalmente, aos tímidos", dixo Ibérico Saint Jean, gobernador de Bos Aires. Perto de catro mil persoas foron guindadas vivas ao mar ou ao río da Prata dende avións militares, vivas para que os seus pulmóns se enchesen de auga ao respirar e así afundisen os corpos. Se caían mortas, os pulmóns permanecían con aire, e os cadáveres aboiaban. Así e todo había corpos que chegaban á costa, desfigurados, descompostos; inchados, as súas caras adoptaban riscos orientais, polo que a versión oficial falaba de mariñeiros asiáticos que caeran á auga dende os seus barcos.

Elsa recordou tamén como, absolutamente desconcertadas e soas, as nais e avoas dos desaparecidos comezaron a reunirse en 1977 na Praza de Maio, diante da sede do goberno e da catedral da cidade. Recordou así mesmo como Esther Ballestrino, María Ponce e Azucena Villaflor, tres das fundadoras do colectivo, foron secuestradas e asasinadas.

Os torturadores e os asasinos non mataban para que as vítimas dixesen nada, senón para que o negasen todo. As leis de punto final propoñían o esquecemento como vía para a chamada 'reconciliación nacional', igual que agora fai a igrexa católica española para os crimes do franquismo. As leis de obediencia debida buscaban desculpar aos torturadores e asasinos que en máis de 340 centros clandestinos de detención machacaban aos secuestrados; picana, tortura, morte, cos capeláns militares exercendo de testemuñas e cómplices. "Creo no casual, pero moito máis no causal", dixo Manuel Rivas, para quen a ditadura arxentina foi "un desenvolvemento da tecnoloxía do inferno que se experimentou en España no que podemos chamar a segunda parte da guerra civil, que contivo en si mesma as guerras do pasado e do futuro".

Agora a principal loita que sostén é a procura dous seus dous netos desaparecidos: "teño dous netos que teñen que estar vivos e non sei quen son. Teño 84 anos, pero conservo a esperanza de que van aparecer". Polo de agora xa se identificaron a noventa dos nenos que foron secuestrados e entregados a estas familias; quedan uns catrocentos ou cincocentos por recuperar. O poeta arxentino Roberto de Cicco, que vive exiliado en Galiza dende hai trinta anos escribiu: Até o derradeiro día da túa vida/ até o derradeiro día/ espertarás sabendo/ que a túa memoria é a única vitoria conseguida. A memoria, única vitoria posíbel.


4,85/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: