Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'Chámalle X', en Belas Artes

A arte, en acción en Pontevedra

A quinta edición do ciclo céntrase nas performances e escolleu a Portugal como país convidado. Desenvólvese até o xoves, co apoio de Marco e CGAC.

Redacción - 19:20 25/11/2008

A 'arte en acción' está de completa actualidade, despois de que o Premio Nacional español de Artes Plásticas do Ministerio de Cultura, recaese na performer Esther Ferrer. Chámalle X, o ciclo organizado pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra céntrase nesta ocasión na arte performativa, cunha combinación de conferencias e accións, que se desenvolverán entre o martes 25 e o xoves 27.

Nesta quinta edición, Chámalle X conta cun país convidado, Portugal, e ofrece a posibilidade de coñecer o estado das performances ao sur do Miño. Esta sección nace coa vontade de ficar como sección estábel e estará representada polo director do espazo Maus Hábitos, Daniel Pires, que ofrecerá a conferencia inaugural, e as accións de Joao Samoes, Fernando Aguiar, Nuno Oliveira e Margarida Chambel.

En canto ás restantes accións programadas, destacan a de Zaida Gómez e Julio Fernández (o martes ao mediodía), a de Ana Gesto, ex alumna da Facultade, que presentará a súa performance Manto nocturno o mércores, día no que tamén intervirá o grupo de accións Ad-Hoc con As horas. Paréntese, de Víctor Bonet e Sobre a espada manda o corazón, de Velvet&Crochet serán presentadas o xoves.

Como en anteriores edicións o Marco e o CGAC colaboran e intégranse na programación. A comisaria do ciclo Arte no parque que cada mes de agosto se celebra no Parque de Bonaval fará a presentación da experiencia do CGAC con este tipo de actividades e detallará os traballos que María Marticorena, Miguel Noguera, María Gil e Féliz Fernández teñen realizado no marco deste ciclo; tamén se presentará o proxecto Tábula Rasa. O xoves será o momento de coñecer os contidos vencellados cos procesos performativos que impulsou o Marco cun relatorio a cargo da responsable de exposicións do Marco, Agar Ledo.

Consulta a programación completa


4,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: