Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Segunda xornada de folga indefinida

Os traballadores da limpeza de Pontevedra ocupan a sede da Confederación de Empresarios

Acúsanos de apoiar a patronal e non cumprir cos acordos de mellora do convenio. Dende primeira hora da mañá houbo piquetes nos edificios públicos.

Redacción - 12:00 18/11/2008
Manifestación dos taballadores e traballadoras da limpeza, esta segunda feira polas rúas de Vigo

Manifestación dos taballadores e traballadoras da limpeza, esta segunda feira polas rúas de Vigo

Os traballadores e traballadoras que secundan a segunda xornada de folga indefinida na limpeza de edificios e locais na provincia de Pontevedra atópanse ocupando a sede da Confederación de Empresarios, sita na rúa García Barbón de Vigo. Durante a protesta, deitaron papel, nas instalacións, e realizaron unha sentada para protestar polo apoio que os empresarios lle ofreceron á patronal na negociación do novo convenio colectivo. Segundo lle contou a Vieiros Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG Servizos de Vigo, o desaloxo "parece que é inminente, pero nós aínda resistimos no edificio".

Os sindicatos convocantes desta folga (UXT, CCOO e CIG) sinalan que había, coa patronal, un preacordo, dende hai varios meses para mudar o convenio colectivo e introducir nel importantes melloras, sobre todo a nivel salarial. Porén, o acordo non se cumpriu, segundo os traballadores e traballadoras que agora están en folga. Ademais da ocupación da sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, dende primeiras horas da mañá houbo grupos de piquetes que percorreron os principais edificios públicos, como os da Universidade de Vigo ou o aeroporto de Peinador, para informar da segunda xornada de folga aos empregados de limpeza que puidesen estar traballando.

Mobilización en Pontevedra
As traballadoras e traballadores en folga tamén permaneceron, de 6:00 a 9:00 da mañá, perante as portas da papeleira Ence, tentando impedírllela entrada aos empregados da limpeza. Ao parecer, e segundo denuncia a CIG, nesta factoría hai unha trintena de persoas aínda traballando, xa que foron ameazadas con despedimentos. Na cidade do Lérez tamén se organizaron piquetes informativos nos predios da Deputación, a Facultade de Belas Artes e o Centro Comercial a Barca, para comprobar que todo seguía sen limpar, como na xornada anterior. Porén, no centro comercial había dúas dotacións da garda civil que actuaron de xeito violento, segundo relataron dende a CIG, identificando á xente de "maneira moi agresiva".

Un traballo moi precarizado
A folga na limpeza de locais e edificios pola negociación do convenio provincial de Pontevedra deste sector comezou na media noite desta segunda feira, e está a ter unha importante repercusión nas grandes áreas comerciais, no aeroporto, na Universidade de Vigo ou nos ambulatorios. Isto permite que visibilice o conflito destas traballadoras e traballadores, e a súa loita por un convenio xusto e polas melloras laborais e sociais, necesarias nun sector que ten un salario medio de 753 euros.

Na segunda feira, a xornada de folga comezou xa dende as 7:00 horas da mañá, coa organización de grupos de piquetes. Un destes grupos decidiu marchar en manifestación dende o Centro Comercial Gran Vía até o Centro Comercial Camelias, na Praza de América, en Vigo. En todo momento houbo unha importante presenza policial.

Denuncias desde a CIG Servizos de Pontevedra
Dende a CIG Servizos de Pontevedra informan de que pretenden desenvolver "de ser necesarias" denuncias ante a Inspección de Traballo e no Xulgado "a aquelas empresas do sector que substitúan os traballadores dos centros que secunden a folga, por traballadores doutros centros" e aos responsábeis daquelas instalacións que estean limpando con persoal que non pertence ao sector, pois "constitúe un delito tipificado no Código Penal e incumpre o dereito á folga que recolle a Constitución".

Tamén avisaron desde a CIG Servizos de Pontevedra ás empresas do sector "de que non se pode sancionar nin despedir a ningún traballador por secundar a folga".


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe da ocupación do Centro Comercial Gran Vía, en Vigo
Imaxe da ocupación do Centro Comercial Gran Vía, en Vigo
Identificados pola policía española, ao saír en manifestación, esta segunda feira en Vigo
Identificados pola policía española, ao saír en manifestación, esta segunda feira en Vigo
O lixo nos centros comerciais / Imaxes: CIG
O lixo nos centros comerciais / Imaxes: CIG