Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En favor da integración

Vencendo o medo a estar sós

Catro adultos con discapacidade intelectual demostraron, durante sete días, que son ben capaces de vivir en completa autonomía. Vexan o vídeo no interior.

Antía Rodríguez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 09:00 19/11/2008
Atendendo aos medios no salón do piso que ocuparon Marcos e Juan Carlos

Atendendo aos medios no salón do piso que ocuparon Marcos e Juan Carlos

Sete días de vida completamente autónoma para catro persoas con discapacidade intelectual: un reto, ao comezo, cos seus medos, os receos dos pais, pensar na soidade... Mais unha experiencia para lembrar despois, e algo que quererían repetir no futuro, "coa nosa parella ou con compañeiros, ter o noso propio piso...".

Vieiros visitou ás dúas María Xosé, a Juan Carlos e a Marcos no piso dos dous últimos, no barrio compostelán de Fontiñas -as mozas conviviron nun piso á parte, dúas portas máis alá, aínda que, se por María Xosé fose "vivía todo mesturado, pero non se pode".

Estaban todos a agardar, sentados nos sofás, conscientes do seu protagonismo, algúns un bocado máis tímidos. Sabían que era o último día de convivencia, que os medios de comunicación habían vir velos, e tocaba facer balance. Contaron un bocado do que foi para eles a experiencia, ensinaron o piso, e logo non tiveron problema en escenificar, para os fotógrafos doutros medios, unha partida ao parchís, ou un momento do día, pasando o ferro á roupa -unha das cousas que seica é do que menos lles gusta facer na casa.

Adultos sós
Os catro pertencen á asociación compostelá ASPAS, e fixeron parte, xunto con outros dous compañeiros e dende xaneiro deste ano, do programa Adultos Sós, posto en marcha por FADEMGA FEAPS Galicia (Federación de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia). Durante 11 meses, asistiron ao máis de medio cento de obradoiros nos que se formaban e capacitaban para a vida cotiá: aprenderon a coidar a roupa, a adquirir hábitos diarios nas tarefas de limpeza do fogar; a manexar, de xeito funcional, o euro; a identificar os seus percorridos habituais pola cidade, a través das paradas de autobús; a facer orzamentos mensuais; a mercar; a reciclar, a gozar das actividades de lecer que máis lles presten... A "proba final": sete días de convivencia, sós, coas visitas puntuais dunha monitora, que ficaba a durmir polas noites. Polo demais, total liberdade, a non ser nos momentos de facer traballar no fogar, cousa que había que facer seguindo os cadros de tarefas e de normas que había pendurados nas paredes dos corredores e da cociña.

Na cociña, precisamente, foi onde máis gozaron Juan Carlos e Marcos: cociñando e comendo, aínda que no seu taboleiro de comidas se botasen un chisco en falta cousas máis verdes. Pero eles fixeron encantados ovos con patacas fritidas; patacas, desta volta cocidas, con salchichas; costeleta de porco e o domingo, bocadillos e froita.

"Unha semana moi positiva, e nós somos capaces de facelo, de vivir sós, porque somos persoas normais, só que con dificultades para facer certas cousas", sinalaba María Xosé, ao tempo que falaba das súas arelas de vivir nunha casa propia no futuro, aínda que "hai que xuntar moitos cartos". "Repetir, repetiría, porque foi inesquecíbel", dicía Marcos, "porque temos 'liberdade', entre comiñas, pero liberdade". "Podemos vir á hora que nos dea a gana, durmir a siesta... pero sempre cuns límites", sinala María Xosé, quen tiña moito medo de vir, nun comezo, e os seus pais aínda máis, "pero despois déronse de conta de que tiña apoios". Agora teno claro, se no futuro quere marchar da casa, non vai facer caso das arelas de seus pais: "vai ser o meu futuro, non vai ser o deles".


Ligazóns

4,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: