Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FORO DE ECONOMÍA ALTERNATIVA na Coruña

"Defendemos a banca ética fronte ao capitalismo"

Expertos debaten sobre a importancia de iniciativas solidarias de carácter financeiro e económico que vaian máis alá dos mecanismos propios do liberalismo.

Isabel G. Couso - 09:30 15/11/2008

Nestes tempos de crise e de dúbidas sobre o actual sistema económico, o financiamento ético xorde como unha nova alternativa ao capitalismo. Así o defenderon diferentes expertos nun seminario que se vén de celebrar na Coruña sobre a banca social, e no que tomaron parte representantes de colectivos como a Asociación por un Interese Solidario "O Peto" ou a Federación de Cooperativas Sinerxia. Co xerente desta organización, Ramón C. Rodríguez, falamos en Vieiros, para coñecer máis polo miúdo as particularidades deste tipo de iniciativas alternativas ao actual sistema capitalista.

Vieiros: ¿Como poderiamos explicar o que é a banca ética e que futuro lle cabe agardar a proxectos enmarcados dentro deste concepto?
Ramón C. Rodríguez: A banca ética non é mais que un conxunto de iniciativas que se levan desenvolvendo dende diferentes colectivos sociais e persoas que queren asumir o control do seu propio diñeiro: queremos organizar, controlar e xestionar os nosos cartos e antepoñer a persoa por riba do capital. Neste sentido, o obxectivo é contribuír ao abandono progresivo do lucro e a especulación do sistema financeiro e optar pola xestión dos nosos propios recursos a prol dunha mellor redistribución dos mesmos. Avogamos pola transparencia e porque o poder de decisión proveña dos propios colectivos que promoven unha economía social solidaria. Ademais, queremos sumar ao desenvolvemento e reparto equitativo da riqueza cun claro concepto de proximidade, é dicir, repercutir positivamente sobre o noso entorno e partindo dun concepto de sustentabilidade. En canto ao futuro, o noso non é unha carreira de cen metros, senón máis ben un maratón: temos que ser optimistas porque hai moitas iniciativas que nos demostran que si é posíbel.

¿Que grao de implantación teñen iniciativas deste tipo en Galiza?
Dende finais do ano pasado estamos a promover un proxecto para crear propiamente un proxecto de banca ética en Galiza. É unha iniciativa aberta, democrática e participativa, unha idea que aínda estamos madurando pero coa que queremos funcionar baixo os principios da economía social. O obxectivo é conformarnos baixo unha forma xurídica propia deste sistema, ben sexa a xeito de asociación ou de cooperativa, e botar a andar un sistema de financiamento solidario. Neste sentido temos contacto con proxectos similares que funcionan no resto do Estado Español, como COOP 57, unha cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios que xa está a funcionar en Cataluña, Aragón, Madrid e Andalucía. Este exemplo naceu en Cataluña nos anos noventa e xa está consolidado, mais está a medrar a xeito de rede, é dicir, aqueles territorios nos que hai unha masa crítica e que queren autoxestionar o seu aforro, poden sumarse, e nesas andamos.

¿Cantos colectivos galegos están implicados neste proxecto?
Até o de agora amosaron o seu interese unhas 30 organizacións. Levamos un ano traballando pero, ás veces, o ritmo non é tan rápido como nos gustaría. Se cabe, traballando activamente estamos implicados uns 15 ou 18 colectivos, pero agardamos que cando o proxecto estea en marcha se sumen moitos máis.

Un dos lemas destas xornadas era o de "refundación do capitalismo", ¿como cres que se podería refundar?
O noso obxectivo non é refundar ou mudar o capitalismo, máis ben loitamos contra el, as nosas ideas proveñen do anti-capitalismo. Nós non cremos nos cartos como un fin en si mesmo, non queremos diñeiro para xerar máis, senón para que reverta nas propias persoas.

¿Que agardades de xuntanzas como a do G-20 na que se trata de buscar unha saída á actual situación de crise? ¿Cal pode ser a alternativa?
Evidentemente non confiamos no G-20, como tampouco o facemos nos líderes económicos internacionais. Este cumio non é máis que un lavado de cara do sistema económico e non agardamos cambios cara unha economía sustentábel, solidaria ou ética. É a propia economía produtiva a que se ten que organizar e crear as súas propias estruturas financeiras, é precisa a colaboración de todos nós para mudar o sistema e non agardar solucións que veñan dende arriba.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: