Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tribuna

U-los movementos sociais galegos?

Chamada á colaboración e participación da diversidade de entidades do país no Foro Social Galego a celebrar o próximo decembro.

Manoel Santos / Imanol Dorca - 11:30 09/11/2008

A existencia dun Foro Social Galego como espazo de intercambio entre os
movementos sociais cómpre máis ca nunca agora que o sistema amosa a súa
febleza. A consolidación dunha Asemblea de Movementos Sociais como aparello
de accións comúns para acadar obxectivos concretos aínda máis.


O Foro Social Galego (FSGal), que se vai celebrar entre o 5 e 7 de decembro
en Compostela amparado na primeira Asemblea de Movementos Sociais celebrada
o 26 de xaneiro na mesma cidade, podería ser o primeiro paso para que os
movementos galegos amosemos a nosa forza. Só facéndonos realmente visíbeis
diante do labirinto socio-político e mediático do país poderemos algún día
influír realmente nas decisións que toma o poder e, xa que logo, ser un
contrapoder a ter moi en conta. Temos as alternativas, mais non logramos que
estas se vexan. Velaí unha das nosas grandes eivas e velaí un dos obxectivos
urxentes dos movementos.

Eivas globais, eivas locais
Disque toda crise é tamén oportunidade. De cambio, claro está. A conxuntura
global multicrise que nos rodea ­crises ecolóxica, enerxética, alimentaria e
financeira como resume delas­ ten pois que ser aproveitada polos movementos
sociais para amosar á sociedade que existen alternativas válidas á relixión
economicista e militarista que, especialmente dende hai tres décadas, leva
a humanidade e o planeta ao desastre.

Mentres no cumio da pirámide os poderosos falan de refundacións, de
maquillaxes, de exquisitos clubes como o G-8 ou o G-20, dun Bretton Woods
II, de novas (des)regulamentacións e dun outro capitalismo; os movementos
aínda non fomos quen de erguer a voz para explicar nidiamente á sociedade
­salvo nalgúns casos en América Latina, berce do Foro Social Mundial­ cales
son as nosas alternativas para chegar ao tan cacarexado outro mundo posíbel..
Témolas? Abofé que si, mais a poderosa estrutura político-mediática co que o
poder foi fornecéndose durante todo o nocivo proceso de globalización
encárgase de agachalas con fantástica efectividade. A atomización dos nosos
colectivos, o feito de que os recelos pesen moitas veces máis cós obxectivos
polos que loitamos e a moi mellorábel colaboración entre os movementos fai o
resto, todo hai que dicilo.

Deste xeito, o imprescindíbel traballo de base do amplo e hetereoxéneo
espectro de movementos sociais da Galiza fica as mais das veces mergullado
no máis periférico e invisíbel dunha arañeira social, política e mediática
que está tecida para ser totalmente desfavorábel e hostil a todo o que
signifique resistencia, nova proposta ou mesmo alternativa. Calquera
activista do país noso viviu algún día, senón todos e todas, nas súas carnes
a frustración de ver como os seus esforzos por facer visíbel esta ou aquela
loita ficaban en van. E nesta visibilización está a clave para que cada día
máis xente do país se sume ao activismo contra o sistema. Porque é diso do
que falamos. Ou non?

As loitas son moitas, sabémolo ben, mais os efectivos para dar conta delas
son tan escasos como os seus recursos. Válidos si, mais escasos e xa que
logo as máis das veces inefectivos. Cómpre pois que cando menos nos
obxectivos comúns, nas loitas que son de todos e de todas, que non son
poucas, sexamos quen de coordinarnos para exercer a presión da que sen
dúbida somos capaces. Se temos loitas globais fortes, teremos loitas locais
críbeis e efectivas.

Un Foro Social, urxente e necesario
Alén das loitas locais ou sectoriais de cadaquén ­xa dixemos que
imprescíndíbeis e sobre todo básicas, irrenunciábeis­ os movementos galegos
aínda non acertamos a confluír en accións e manifestacións conxuntas que
amosen un noso ³poder² como voces da sociedade civil, un poder hogano máis
potencial que real. Perder ocasións como a que nós mesmos, os movementos,
consensuamos hai case un ano cando no Día de Mobilización e Acción Global do
26X decidimos unanimemente camiñar cara a un Foro Social Galego sería
imperdoábel. E inxusto para as nosas causas.

O FSGal non vai ser, loxicamente, a solución, pois nin é unha nova entidade,
nin unha representación magna da sociedade civil, senón só un espazo de
reflexión, de intercambio e de artellamento de loitas. A solución está nas
mans dos movementos ­xa formen parte do proceso do FSGal ou non­e do seu
traballo. Mais o FSGal, como proceso horizontal e autofinanciado e
xestionado polos movementos, si pode ter dous efectos extremadamente
necesarios e sobre todo urxentes.

En primeiro lugar, a nivel interno pode contribuír á reafirmación das
loitas, o artellamento doutras en forma de alianzas, de redes, de campañasŠ,
o intercambio de experiencias, a aprendizaxe e a formación, a recarga
enerxética do e da activista, o exercicicio do poder da palabra e da
imaxinación.

En segundo lugar, a nivel externo, xa o dixemos, o foro pode ser un
excelente espazo para a visibilización das nosas propostas, un necesario
abrirse á sociedade para que esta comprobe que si que existen, que os
movementos sociais galegos son reais, loitan, traballan, teñen alternativas
e ademais son quen de confluír no obxectivo común de cambiar as cousas.


É por isto que a presenza masiva e activa nos debates que propuxeron os
movementos sociais, nos espazos transversais e na carpa de colectivos ­na
que terán espazo todos os que sexan adherentes do FSGal­ resultaría un golpe
de efecto fundamental para afrontar o noso labor como forxadores de
alternativas á nociva orde imperante.

A Asemblea de Movementos Sociais
O primeiro fin de semana de decembro é pois unha ocasión fabulosa, se cadra
histórica, para facernos ver, mais tamén para tomar decisións entre todos e
todas as que participen na nova Asemblea de Movementos Sociais que pechará o
evento o día 7 ao mediodía. Da dita asemblea, autoconvocada e aberta a
todas as persoas e colectivos do país, ao noso xuízo debería saír o consenso
para consolidar o FSGal como espazo periódico de intercambio entre os
movementos, mais sobre todo, deberían poñerse enriba da mesa unha serie de
accións concretas que todos asumamos para desenvolver durante 2009. Da
reflexión necesaria, á acción imprescindíbel.

Dende Altermundo pedimos xa que logo a todos os movementos sociais galegos,
dende os independentistas aos anarquistas, dende os de labregas e labregos
aos sindicalistas, dende os ecoloxistas aos de economía solidaria, dende as
organizacións de cooperación ás de acción directa, aos artistas e
intelectuais, ao mundo universitario, aos traballadores e traballadoras, a
todos e todas as que acrediten que si, que outra Galiza e que outro Mundo
son posíbeis, unha participación masiva e entusiasta no FSGal e na dita
Asemblea de Movementos Sociais. É a nosa responsabilidade. A nosa
oportunidade.

Dende abaixo á esquerda, onda o corazónŠ, Manoel Santos e Imanol Dorca
(Altermundo)


Ligazóns

5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: