 
Unha ollada ás angueiras que Antonio Reigosa leva acometido como creador de historias, etnógrafo e estudoso da literatura popular. Entrevista no Canal Irimia.
 
											Dicir que Antonio Reigosa é escritor só é apuntar unha pequena parte do que fai este especialista no mundo máxico ao que se debruzou desde neno e do que xa non puido afastarse. Naceu en Zoñán, cousa que non todo o mundo pode dicir, e talvez non sexa imprescindible, pero vir ao mundo na bisbarra mindoniense facilita moito as cousas se un quere ser especialista no trasmundo que habita na nosa imaxinación popular. Quéixase Xan de Outeiro nun dos seus libros de que xa non anda nos contos nin fai nacer outros novos, cousa só en  parte certa se botamos unha ollada ás angueiras que Antonio Reigosa leva acometido como creador de historias, etnógrafo e estudoso da literatura popular. Non diremos nada dos moitos premios que leva recibido porque é mellor que gocemos da súa literatura, da súa web www.galiciaencantada.com  e da súa sabedoría e ilusión cando fala do que a xente leva cantado  e contado ao longo da nosa historia.
Canto tempo  lle queda á literatura popular de tradición oral? 
  Penso   que a literatura transmitida oralmente nunca vai desaparecer. É posible  que desapareza antes o galego como lingua de uso. O que si desaparecen  son moitas lendas, ou mitos, ou contos, cando desaparecen as persoas  se non houbo quen os quixese escoitar, pero a literatura popular ha  seguir. De feito hai lendas urbanas que están causando furor e non  son máis ca adaptacións de vellas historias. Ao mellor introducen  un coche, suceden nunha discoteca ou falan de drogas actuais onde antes  había un cabalo, un muíño ou un encantamento, pero a historia é  a mesma.   
Daquela  non hai que obsesionarse por recoller historias antes de que morra a  xente que as conservou na súa mnemoteca? 
  Si, si, hai  que recoller, sempre debemos pensar que un patrimonio tan delicado como  é o que se transmite oralmente pode desaparecer e por tanto debemos  buscar fórmulas que permitan ás xeracións futuras saber que existiu.  Recollelas é necesario, imprescindible, pero eu non comparto unha visión  “arqueolóxica” da literatura popular. Hai que recoller para documentar,  para saber, para seguir transmitindo, non para gardar aló no fondo  dun armario do pasado coma se estivese morto ou se fose inútil este  patrimonio.   
Que lle  parece o tratamento que se lle dá  á literatura popular no ensino?   
Desde o meu  punto de vista é moi deficiente. Agás excepcións, que as hai, a maioría  do profesorado limítase a falarlles aos alumnos/as dunha clasificación  en xéneros seguindo un esquema da literatura chamada culta, ofrecendo  unha visión moi empobrecida deste eido da nosa cultura. A literatura  oral hai que sentila, escoitala, contala, compartila e gozar dela. Se  a tratamos como algo alleo e antigo contribuímos á súa desaparición  e ao desinterese dos máis novos por calquera manifestación literaria   oral.   
Que importancia  tivo a literatura popular cando o galego deixou de ser unha lingua escrita? 
  As linguas,  todas as linguas sen excepción resisten, permanecen vivas, mentres  o pobo as use día a día, nos seus quefaceres, nas súa relación privadas  ou públicas, no lecer ou nos intres de dor, e a literatura que chamamos  popular é unha parte fundamental da cultura. O galego existe porque  sempre houbo un pobo que o usou, que creou literatura para cantar ou  para contar.  
 Como cambiou o modelo de transmisión deste tipo de literatura nos  últimos tempos?   
A literatura  que chamamos oral tiña dúas grandes funcións; unha, o divertimento,  e outra, se cadra máis importante, a da educación. Ensinar como funciona  o mundo por vía de exemplos a través de fábulas, lendas, refráns  ou contos xa non ten sentido, xa non se fai. Agora os vellos como fornecedores  de coñecemento están desprestixiados, o saber parece que sempre vén  de fóra e por tanto hoxe a transmisión, aínda que non sexamos plenamente  conscientes, faise a través de aparellos coma a televisión, a radio  ou internet.  Seguimos consumindo literatura oral pero os referentes  cribles, os transmisores son aparellos mentres aos maiores preferimos  telos calados e apartados do sistema educativo. E hai saberes que non  están nos libros nin veñen de fóra, deberamos telo sempre en conta.  
 Cales son os obxectivos de web Galicia encantada? En que consiste  o proxecto "Didáctica da fantasía”?
 Galicia Encantada  naceu precisamente para intentar servir de ponte entre ese modelo supostamente  caduco, o de boca a boca, e as novas xeracións que xa non acreditan  nos maiores. Quere ser unha fonte fiable, trasmitir o que se nos contou,  e trasmitir o noso, o que herdamos, sen adulteralo ou falsealo e valéndonos  das novas tecnoloxías, o deus dos máis novos. E dalo a coñecer ao  mundo para que o mundo saiba que existimos. O tempo dirá se mereceu  a pena.
 Didáctica  da fantasía quere ser un recurso para achegarse a este mundo que imos  deixando a un lado, son propostas para o profesorado e para as persoas  que traballan con interese pola nosa cultura.  
 Que presenza ten a literatura popular nas túas obras?  
 En todo canto escribo está presente a literatura oral. Igual que outros  crean novas propostas literarias  inspirándose en modelos ou referentes  da chamada literatura culta, eu prefiro e recoñezo que tomo como referente  tanto temas como técnicas, estruturas, recursos achegados pola literatura  oral.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto