Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xornada contra o traballo lixo no periodismo

Un de cada dous xornalistas traballa en total precariedade en Galiza

A situación de crise está a agravar as condicións laborais nun sector que denuncia inestabilidade, salarios baixos e interminábeis xornadas.

Redacción - 14:20 05/11/2008

A Federación Europea de Xornalistas (FEP) convocou, para este mércores, unha xornada de rexeitamento á precariedade laboral da que é obxecto o sector nestes momentos. En Galiza sumáronse a esta iniciativa as asociacións da prensa vencelladas coa Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE), é dicir, os colectivos de A Coruña, Lugo e Santiago, a través dunha multivideoconferencia sobre a situación da profesión. Tamén apoia as demandas o Sindicato de Xornalistas de Galiza (SXG), a través da Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP).

Consecuencias da crise
As conclusións desta xornada foron moitas: dunha banda os profesionais certificaron que a crise económica e financeira mundial agravaron a xa de por si difícil situación laboral que afecta a un importante número de profesionais e aos medios de comunicación nos que exercen. "Os que traballamos nos medios somos conscientes do despedimento de xornalistas, o que significa, á súa vez, unha sobrecarga laboral para o persoal que hoxe xa traballa ao límite das súas posibilidades", dixo Magis Iglesias, presidenta da FAPE. Neste sentido, dende a organización quixeron manifestar o seu apoio a aqueles que nos últimos meses perderon o seu emprego ou os que se atopan nunha situación de inestabilidade. Ao tempo denuncian accións de empresas de comunicación que, baixo o pretexto da situación actual, levan a cabo unha política de regulación encuberta do seu persoal: "a diminución real da publicidade, que afecta a algún destes medios, non xustifica estas manobras, cando moitos deles seguen declarando importantes ganancias".

Medidas urxentes contra a precariedade laboral
Segundo os datos que barallan estas organizacións, a precariedade laboral afecta ao 50% dos traballadores dos medios de comunicación. É dicir, en Galiza un de cada dous informadores teñen que exercer o seu traballo baixo unhas condicións pésimas. Entre os problemas que máis afectan ao sector, o SXG subliña a inestabilidade no emprego, os salarios baixos, a contratación irregular ou as interminábeis xornadas de traballo. Ademais, alertan de que esta situación incide directamente na calidade da información que subministran ás súas audiencias e lectores.

Asemade, os profesionais revelan que unha grande porcentaxe carece de convenios colectivos propios aos que acollerse (só están protexidos polo Estatuto dos Traballadores). Denuncian que os redactores de televisións e radios locais non teñen tan sequera a protección de convenios marco que lles de cobertura e regule aspectos tan básicos como as súas xornadas laborais ou os seus dereitos e deberes no desenvolvemento do seu traballo. Por iso, reclaman medidas urxentes, tanto por parte dos poderes públicos como dos empresarios, a quen lles exixen responsabilidade co colectivo e coa sociedade.

Lei de regulación laboral
Neste sentido, os diferentes colectivos reclaman ao Parlamento que aprobe unha lei de regulación laboral da profesión xornalística "que acabe coa explotación dos xornalistas 'á peza' que afecta a máis do 30% dos informadores e que constitúe un fraude á Seguridade Social". Asemade, piden que este novo texto garanta a liberdade de acceso ás fontes, a existencia de comités de redacción nos medios e o dereito dos cidadáns a recibir unha información veraz, plural e completa.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Redacción do xornal 20 minutos, que recentemente viu reducido o seu persoal
Redacción do xornal 20 minutos, que recentemente viu reducido o seu persoal
A calidade do traballo xornalístico repercute na información que se traslada á cidadanía
A calidade do traballo xornalístico repercute na información que se traslada á cidadanía