Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Como afecta a crise ao sector do téxtil (II)

Moda galega: identidade e prestixio ou precarización do traballo ao renderse ante unha gran marca?

A crise chega ao téxtil, un sector de gran magnitude en Galiza, pero con importantes erros nos seus alicerces, que pasaron por basearse na subcontración e na deslocalización.

A. Rodríguez - 09:00 06/11/2008
Agulla e fío / Flickr: inti

Agulla e fío / Flickr: inti

O téxtil emprega unhas 20 mil persoas no noso país e é o segundo sector, por detrás do da automoción, que máis factura. Mais, como lle está afectando a crise financeira mundial? Como a viven os grandes grupos, como por exemplo Inditex? Como a viven os pequenos obradoiros? E os traballadores? Nun sector que a Xunta cualifica de "elemento dinamizador chave" para a economía do país, no que os sindicatos seguen a falar de alta precarización laboral, os empresarios de necesidade de flexibilizar as contratacións (empregando máis xente nas tempadas nas que medran máis as vendas), e onde a patronal non é capaz de adoptar posición común..., como andan as cousas?

Sempre pensando en recortar gastos
Esta cuarta feira sóubose que a empresa de Lalín, Montoto, líder do sector téxtil estatal nos xéneros de punto (coa marca homónima e con Boxley, alén de traballar para empresas coma Lacoste ou Cortefiel), presentaba un proceso concursal -a antiga suspensión de pagos-, nos xulgados mercantís de Pontevedra. A compañía ten traballando directamente para ela a 250 empregados, a outros 200 na comarca do Deza, cosendo en talleres paralelos, e varias plantas no Leste de Europa.

O sector téxtil galego comezou a acaparar considerábeis espazos nos medios de comunicación nas últimas semanas. Unha das novas coñecíase hai quince días, cando a CIG facía pública unha denuncia a Adolfo Domínguez por unha suposta chantaxe para que os empregados da súa sede en Ourense acepten unha conxelación salarial o ano que vén. De non facelo, a empresa falaba de "posíbeis despedimentos".

As cousas non van ben na empresa do modisto ourensán. De feito, a mediados deste mes o propio Adolfo Domínguez revelaba, na Xunta Xeral de Accionistas, que a empresa está a "atravesar momentos turbulentos", e que o exercicio 2008-2009 "vai ser complicado". O ano pasado Adolfo Domínguez rexistrou un incremento de vendas do 5% (o que supón case uns 200 millóns de euros de ingresos, dos que só 21,58 son beneficios atribuíbeis), que, de feito, significou un retroceso do 24% con respecto aos beneficios obtidos un ano antes, en 2006. A compañía enfróntase, ademais, a un retroceso das vendas, no que vai de ano, considerábel, tanto dentro como fóra do Estado. O incremento das vendas non chegou para facerse cargo dos custes de abrir novas tendas (o que implica pagar alugueres, gastos de persoal e amortizacións), aínda que moitas delas sexan franquicias, nas que o risco vai compartido.

A pasada semana tamén se oía a voz de Kina Fernández, deseñadora que está a piques de facer 30 anos na mundo da moda, e que lle pedía axuda á Xunta fronte á crise. "O sector leva entre tres a catro anos notando a crise", dicía a deseñadora nunha entrevista en RNE, ao tempo que salientaba que se "está loitando por sobrevivir", sobre todo as pequenas empresas nos seus obradoiros, onde "hai meses que están a tope e traballo e outros que van a medio gas", polo que as compañías non conseguen manter todo ese persoal fixo.

O obxectivo: conseguir financiamento para "a expansión"
Isto é o que lle falta a Roberto Verino, outro dos grandes nomes da moda galega, con máis de 25 anos dedicados ao deseño. A comezos deste mes sinalaba que a súa empresa bota bastante tempo a facer números, porque os bancos cos que traballa "poñen unhas condicións moito máis duras" para financiar "a nosa expansión". A situación aínda non é grave, porque non tiveron que pechar ningunha tenda, mais o mercado estatal xa non é unha saída válida para Verino. Agora a ollada está posta, como noutras empresas, en novos obxectivos, coma os mercados de México, Rusia ou o Extremo Oriente.

Outra empresa "histórica" da moda galega, Caramelo, tamén está nunha reestruturación interna, que pasaría por cambios na organización. Nisto anda metido tamén o empresario Manuel Jove, que, mediante o holding Inveravante, que ten coa Xunta -a través de Xesgalicia- ostenta o 45% da compañía. Porén, as vendas de Caramelo permanecen estancadas dende 2006 (en 73 millóns de euros), mentres que o seu beneficio ten números negativos, achegados aos 9,2 millóns de euros.


Porén, aínda que os empresarios coinciden en salientar que a cousa non é grave, as empresas levan anos axustando os seus cadros de traballadores para sortear a crise de consumo interno, e pensando en internacionalizar as vendas. Polo seu lado, a Xunta activou varios mecanismos para non deixar as empresas moverse soas neste contexto de crise. A comezos de ano Industria preparou un sistema de axudas por dous millóns de euros para internacionalizar o sector; agora é Traballo quen está a elaborar un plan para tramitar os Expedientes de Regulación de Emprego de moitas pequenas empresas, subcontratas de grandes grupos. Os 200 mil euros dedicados a isto aínda non cumpriron o seu obxectivo. O sector tamén está a concretar coa Consellaría de Industria un novo paquete de axudas.

Os máis afectados pola crise: os pequenos obradoiros
O problema principal que teñen os pequenos obradoiros é traballar para outra marca, e que esta decida deslocalizar a fabricación das prendas, é dicir, que decida quitarlle traballo ao taller. Isto repercute na situación laboral dos seus empregados, que, ou traballan certos meses do ano con contratos eventuais, ou son fixos, pero obxecto dun ERE (Expediente de Regulación de Emprego), co cal terminan o ano con, a penas, 20 días traballados. Sen deixar de lado a cuestión de xénero, porque quen acostuma traballar nos talleres, cosendo, son as mulleres, cunha media de idade elevada. Elas son as que cosen, mentres os seus designios son guiados dende as oficinas por homes. Ao non ter unha formación regrada, non se considera un traballo cualificado, polo que as traballadoras non teñen posibilidades de promoción e ascenso. Os sindicatos seguen a denunciar que o seu convenio colectivo é un dos máis precarios de entre os diferentes sectores industriais.

Este é o contexto no que medraron e se desenvolveron as grandes firmas galegas de moda, nun lugar onde a clase obreira aceptou unhas condicións laborais e salariais que non se aceptarían noutras rexións e noutros sectores. As empresas seguen a pedirlle axuda á administración para arrepoñerse aos seus competidores (poder acceder a créditos, adaptarse aos cambios de hábitos de consumo e aos efectos dun boom inmobiliario, que os leva a pagar elevados alugueres); os sindicatos, que se termine co encadeamento de subcontratacións, mais tamén restrinxir o libre comercio e e externalización do traballo; as traballadoras, un convenio digno.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: