Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CRÓNICA DENDE A FEIRA DO LIBRO

Unha antoloxía galega en Frankfurt

Presentáronse a revista 'Galician Books' e a antoloxía 'Telling Stories from Galicia' no stand da delegación galega, que visitou Orhan Pamuk.

Diego Alfonsín Riveiro - 18:00 17/10/2008

Galiza, "a nación oculta", como a definiu o escritor e xornalista Miguel Anxo Murado durante o acto, presentou hoxe na Feira Internacional de Frankfurt a antoloxía Telling Stories from Galicia, acompañada da revista Galician Books, ambas editadas pola Consellaría de Cultura. No acto estiveron presentes Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura e Deportes, María Reimóndez, tradutora e escritora, Miguel Anxo Murado e Alfonso García Sanmartín, presidente da Asociacion Galega de Editores.

Murado fixo fincapé na falta de autoestima e de autopromoción que existe en Galiza a hora de proxectar a nosa literatura, mentres que a conselleira quixo reivindicar unha perspectiva moito máis positiva e actual ao falar da existencia dunha nova mentalidade, da calidade actual das nosas letras e da súa crecente presenza nos ámbitos de cultura tanto nacionais como internacionais. Ánxela Bugallo apuntou que no mes de novembro unha delegación de representantes da Feira do libro de Guadalajara, da Feira de Frankfurt e do Salón do libro de San Paulo, se reunirán con representantes galegos en Santiago para estabelecer relacións de cara a futuros eventos.

A Feira do Libro de Frankfurt, que conta este ano con Turquía como país convidado, acolle as últimas novidades da proposta editorial de case 30 editoriais galegas pertencentes á AGE. Polos corredores da feira, onde se negocian dereitos de escritores, e onde a crecente presenza do libro electrónico acende as conversas e as editoriais traballan nas súas novas propostas, pódense ver os nomes e os libros da casa: Edicións Xerais de Galicia, Ir Indo Edicións, Rodeira, Kalandraka, Faktoría K de Libros, Laiovento, Everest Galicia, Sotelo Blanco Edicións, OQO Editora, Editorial Galaxia, Nigra Trea, Baía Edicións, Alvarellos Editora, Toxosoutos, entre outras.

Mesmo un premio nóbel como Orhan Pamuk deu unha volta entre as ringleiras dos libros en galego e botou unha ollada curiosa.


Ligazóns

4,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: