Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
UN SEMINARIO ANALIZA A OBRA DAS POETAS DOS DOUS PAÍSES

Como en Galiza, como en Irlanda

Ademais dos debates e ponencias, o programa inclúe dous recitais, nos que participarán María Lado, Jessie Lendennie, Xiana Arias ou Kerrie Hardie.

M.S.P. - 17:30 16/10/2008

O Seminario Internacional Creación, Edición e Crítica: poetas galegas e irlandesas busca afondar durante dous días nas similitudes existentes entre a poesía elaborada por mulleres en ambos os dous países nas últimas décadas. "Falamos de similitudes porque estamos condicionados polas semellanzas que existen a outros niveis. Pero existen, claro, moitas diferenzas, e moitas ímolas descubrindo a medida que avanzan as xornadas, sobre todo as referidas á lingua", aclara María Xesús Nogueira, presidenta do Comité Organizador.

Galiza e Irlanda asistiron nos anos noventa ao agromar dun grupo de autoras que polo seu número e calidade marcaron un fito nas dúas literaturas, recibindo as súas inevitábeis etiquetas ("poetas dos noventa", en Galiza), pero axudando á visibilización das mulleres dentro da literatura. Ademais, en ambos os dous países estas autoras caracterizáronse polo seu discurso arriscado e anovador, "racharon cunha tradición e cuestionaron unha mitoloxía, desmitificando certos temas, elaboraron un contradiscurso", destaca Nogueira. Hoxendía, dez anos despois, na literatura galega esas etiquetas foron vencidas nas novas xeracións de poetas, "é un proceso no que ao final esas cousas vanse asumindo e combinando con outros elementos que non só o xénero", conclúe a profesora.

Por suposto, hai diferenzas, sobre todo na lingua, e por exemplo só unha das autoras irlandesas que veñen a estas xornadas escribe en gaélico; en cambio en Galiza as poetas escriben maioritariamente en galego, cada vez con máis normalidade, producíndose mesmo, como recordaba María Lado, cada vez con máis normalidade, un proceso paralelo de 'desdemonización' do castelán. Así e todo, tamén en Irlanda, mesmo entre as autoras que escriben en inglés, hai un moi importante discurso sobre a lingua e sobre o conflito lingüístico.

Debates, ponencias e recitais
As sesións do seminario, que se desenvolven na Facultade de Filoloxía da USC, centráronse este xoves na edición, coa presenza destacada de Jessie Lendennie, de Salmon Publishing e de Fran Alonso, de Xerais. Ademais, nas mesas de debate interviron poetas galegas e irlandesas, como María Lado, Mª do Carme Kruckenberg, Kerry Hardie ou Celia de Fréine. Estas catro poetas participarán no recital que o xoves, a partir das oito da tarde, terá lugar na libraría Couceiro de Santiago de Compostela.

O venres o tema das mesas é 'muller, poesía e crítica', coa presenza dos críticos Ramón Nicolás e Irene Gilsenan-Nordin, ademais das poetas Marilar Aleixandre, Xiana Arias, e de novo Kerry Hardie ou Celia de Fréine. Pola noite, outravolta Couceiro acollerá un recital poético conxunto.


Ligazóns

4.56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: