 
 
A Xunta promete priorizar así actuacións sociais e investimentos produtivos, nunhas contas que botarán man dun déficit de até o 1%.
O Consello da Xunta debera aprobar na mañá deste xoves os orzamentos do Goberno para 2009. O proxecto entraría así o próximo luns no Parlamento para o seu debate, co obxectivo de aprobalo antes de fin de ano.   
  
  Desde a Consellaría de Economía avanzaban este mércores que entre as esixencias ás que responden as contas para o ano que vén está o estabelecemento dun "profundo recorte" do gasto corrente. Con esta medida, o conselleiro de Economía e Facenda, Xosé Ramón Fernández Antonio, di agardar que se poidan aproveitar recursos para actuacións sociais e produtivas. Nesa liña estará tamén a conxelación dos salarios de altos cargos e funcionarios da administración, iniciativa que só podería mudar no eido da educación e a sanidade.   
  
  Austeridade e déficit "controlado" 
  Tal e como xa se anunciara en días pasados, as contas de 2009 van recorrer á débeda. Segundo esa previsión, espremeríase o máximo legal ao respecto, no gume do 1% do PIB. Deste xeito a cifra de endebedamento podería moverse arredor dos 500 millóns de euros.   
  
  Unha estratexia que despois do déficit cero de anos anteriores busca manter os investimentos produtivos proxectados, segundo insisten desde o Goberno. Así, de xeito global, as contas de 2009 indican un incremento de arredor do 3%, subindo lixeiramente por riba dos 11.556 millóns de euros orzamentados no último ano, freando así o ritmo de incremento dos anteriores exercicios (un 9%, 8,3% e 7,3% respectivamente desde 2006). 
  
  Feijoo quéixase da "soberbia" da Xunta 
  Na opinión do líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, no actual contexto de crise económica "calquera goberno debería remitir os presupostos á Cámara coas grandes liñas" pactadas co grupo maioritario". "Pero este goberno vai aprobar os presupostos falando con todos, salvo co PpdeG", reprochou Feijoo. 
  
  O presidente do PPdeG criticaba así que o Goberno non aceptase o que cualificou de proposta de  "pacto leal e sincero" que el mesmo ofreceu durante o pasado debate do estado da nación, suxerindo  consensuar os Orzamentos 2009. Un rexeitamento que, segundo o presidente do PPdeG é consecuencia da "soberbia" do bipartito.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto