Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FEIRA GALEGA DAS ARTES ESCÉNICAS, DO 13 AO 17 DE OUTUBRO

A primeira Feira do Agadic terá un maior perfil profesional

En Compostela estarán presentes 25 compañías de teatro e danza, e máis de 140 programadores, produtores e distribuidores.

Redacción - 13:30 08/10/2008

O obxectivo da Feira é funcionar como un mercado, un punto de encontro entre creadores e programadores, distribuidores e outros axentes culturais, un escaparate para a produción escénica galega. Trátase do primeiro grande evento de promoción organizado pola Agadic, o que redundará nun maior perfil profesional do evento, mediante a incorporación de novas fórmulas de encontro, tanto cos axentes culturais coma co público.

Unha das principais novidades desta edición é a concentración de gran parte da actividade nun único espazo, o Auditorio de Galicia, que acollerá a oficina de coordinación, os stands de empresas escénicas, as mesas de debate, un dos escenarios de exhibición (Sala Mozart) e o restaurante. Este cambio de sede busca conseguir unha maior e mellor comunicación entre todos os participantes, ao tempo que se facilita o seu traballo durante as cinco intensas xornadas de Feira.

Nesta edición avánzase ademais no programa de bonificacións ao que se poden adherir as diferentes entidades que contraten espectáculos de compañías galegas, e que se estende á contratación de espectáculos de compañías galegas, amosen ou non os seus espectáculos na Feira, para a súa exhibición fóra da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2009. As bonificacións contemplan descontos do 40 por cento para teatros e auditorios públicos ou privados non galegos, e entidades organizadoras de festivais, certames ou feiras; e do 30 por cento para xestoras de redes públicas.

Máis espazos e máis compañías
Ademais do Auditorio, as salas ARTeria Zona Noroeste, Salón Teatro, Sala Nasa, Teatro Principal e Sala Galán serán os espazos nos que se desenvolverán as actividades. Alén do obxectivo de se constituír en mercado e escaparate para dar a coñecer as empresas artísticas galegas, a feira proxecta un total de 25 representacións, das que 20 serán de compañías galegas, 3 de fala portuguesa e 2 chegadas de Euscadi, comunidade autónoma convidada nesta ocasión.

Entre os galegos estarán, entre outros, Berrobambán, Cachuzo, Lagarta Lagarta, Matarile, Ningures Produccións, Sarabela Teatro, Talía Teatro, Nova Galega de Danza ou Teatro do Noroeste. De Portugal chega Trigo Limpo Teatro Acert, Companhia do Chapitô e Peripecia, e de Euskadi Marie de Jongh e Kukai-Tanttaka. Podes consultar aquí a listaxe completa de participantes.

A selección realizouse a través de dúas vías: unha primeira en función dos niveis de distribución na Rede Galega de Teatros e Auditorios; e a segunda, atendendo a criterios de calidade, innovación e actualidade avaliados por unha comisión de selección artística. Os profesionais acreditados terán reservadas as súas localidades para todos os espectáculos que soliciten, en tanto que o resto do aforo dispoñible porase a disposición do público xeral de xeito gratuíto.

Dúas mesas de debate
Celebraranse ademais dúas mesas de debate. A primeira, o 14 de outubro, tratará a "Creación de públicos", e nela participarám como relatores Grego Navarro de Luis, especialista en xestión de públicos pola Universidade de Warwik (Reino Unido); Ze Rui, director artístico de Trigo Limpo Teatro Acert (Tondela, Portugal); Agustín Lorenzo, programador do Teatro Rosalía Castro da Coruña; e Miguel Varela Gorgojo, programador do Teatro Bergidum de Ponferrada. Un día despois o tema de debate será a danza, coa oresenza de Esther Vendrell, pedagoga e investigadora; Gonzalo Centeno, programador do Teatro de Barakaldo; e Pablo Rodríguez, director-xerente do Auditorio de Galicia.


Ligazóns

3.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cartaz da Feira
Cartaz da Feira
'Dame Veleno' de Sarabela Teatro
'Dame Veleno' de Sarabela Teatro
'Boas Noites' de Berrobambán
'Boas Noites' de Berrobambán