Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
segundo a AXENCIA EUROPEA DE MEDIO AMBIENTE

A nosa costa, das máis vulnerábeis á mudanza climática

Un informe alerta das consecuencias do quecemento global: en Galiza subirá medio metro o nivel do mar e perigará o futuro dos cultivos.

Redacción - 11:40 04/10/2008
Cabo Home, e as Illas Cíes ao fondo da imaxe / Flickr: joe_aesmorga

Cabo Home, e as Illas Cíes ao fondo da imaxe / Flickr: joe_aesmorga

O quecemento global causará no noso litoral un cambio na enerxía das ondas, unha situación que afectará máis gravemente á costa cantábrica e á mediterránea. Segundo as estimacións dun informe da Axencia Europea de Medio Ambiente, na década dos oitenta deste século a mudanza climática ocasionará un incremento de medio metro no nivel do mar, sempre que non se tomen medidas para evitalo. Até o de agora a Península Ibérica era considerada unha zona de baixo risco de inundacións por parte da Unión Europea, porén, agora esta entidade alerta de que entre dúas mil e catro mil persoas se verán afectadas cada ano polas inundacións na franxa costeira.

Ademais, o informe tamén fala das emisións e prevé que, de non tomarse ningunha medida para evitalo, os rendementos dos cultivos agrarios caerán entre un 15 e un 30%, augurando un negro futuro para o noso medio rural. Doutra banda, as previsións da Axencia Europea tamén falan de crise para o turismo de verán no mediterráneo, por mor da polución que se estima para esa zona. Pola contra, Galiza é considerada unha nova opción para tomar o relevo no verán, xunto con Castela León e os Picos de Europa. Esta entidade establece un "índice de confort turístico" no que a zona do Cantábrico suma puntos, ao tempo que os perde o levante español.

Quecemento global en Europa
Se ampliamos o noso punto de visión ao resto de Europa, os datos falan dunha suba no nivel do mar que chegou até unha media de 1,7 milímetros ao ano ao longo do século XX, se ben os datos máis recentes indican unha aceleración. Esta situación explicaríase pola expansión termal das augas oceánicas e os caudais derivados do desxeo dos glaciares e as capas xeadas de Groenlandia, así como o oeste da Antártida.

Segundo estes datos, Europa estase quentando máis rapidamente que a media do planeta e os seus efectos son tamén máis evidentes: a suba das temperaturas, a elevación do nivel do mar ou o desxeo dos glaciares. Asemade, o informe europeo vaticina que os sucesos climáticos extremos, como as vagas de calor, secas e elevadas precipitacións, aumentarán a súa frecuencia e intensidade no vello continente. Así, fai un chamamento ás administracións para mitigar estes efectos e, sobre todo, adaptarse aos riscos que se aveciñan.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: